Nova
A Xunta participa no acto polo Día mundial das Persoas Refuxiadas organizado pola ONG Entreculturas
A Coruña, 18 de xuño de 2026
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na celebración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas que organiza a ONG Entreculturas. Un acto no que se puxo de manifesto a necesidade de protexer de forma especial aos nenos obrigados a deixar os seus fogares, as súas familias e as súas escolas.
A Xunta mantén un compromiso coa integración das persoas que chegan á comunidade dende outros países, lembrou o director xeral, que destacou que o Goberno galego pon a disposición destas persoas os recursos fundamentais que precisan e colabora coas entidades sociais que xestionan o seu proceso de protección, acompañamento e inclusión sociolaboral.
“Os galegos sabemos ben o que é a emigración, e por iso sempre estamos e estaremos ao carón das persoas que chegan á nosa comunidade”, rematou Arturo Parrado.