Nova
A Xunta ultima a elaboración da primeira Lei de Violencia e Acoso Dixital a partir de testemuños reais das vítimas
Fabiola García destacou a importancia de coñecer a súa realidade para ofrecer unha mellor protección e facilitar o proceso de recuperación
Avanzou que a Xunta está traballando para que este texto pioneiro e de referencia nacional sexa aprobado antes de finais deste ano
Santiago de Compostela, 18 de xuño do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela coa nai dunha menor de 12 anos que foi vítima de violencia dixital. Este encontro con testemuñas enmárcase na elaboración da primeira Lei nacional de Violencia e Acoso Dixital que impulsa a Xunta de Galicia.
Na xuntanza tamén estiveron presentes o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba; Graciela Pérez, axente do equipo de muller e menor da Garda Civil; Cristina Lage, a psicóloga que ofrece seguimento á familia da vítima; e Fernando Trueque, presidente da asociación Alar. O obxectivo, segundo recalcou a conselleira, é colaborar con todos os axentes sociais que traballan día a día na protección e detección destes delitos; así como na sensibilización da cidadanía.
Fabiola García situou este encontro como esencial para “achegar a visión real das vítimas e o seu testemuño”, o que permite reforzar o texto normativo que vai sentar un precedente fronte aos delitos na rede. Deste xeito, a conselleira agradeceu “o valente paso adiante” dado por Judith de la Fuente, nai desta vítima de 12 anos, especialmente porque demostra que “a violencia dixital pode afectar a calquera persoa, especialmente á mocidade e ás mulleres”.
Neste sentido, a conselleira explicou que o obxectivo do Goberno galego é poñer en marcha a Lei o antes posible, co obxectivo de que estea aprobada a finais deste mesmo ano. Ao respecto, avanzou que xa se comezaron a dar os primeiros pasos para ofrecer aos axentes sociais todas as ferramentas necesarias para asesorar e protexer ás vítimas. Así pois, recordou que neste mes de xuño a Xunta impulsou o primeiro plan de formación para o persoal técnico e que constitúe un dos piares fundamentais da futura norma.
Ademais, lembrou que a futura Lei de Violencia e Acoso Dixital ofrecerá un servizo de asesoramento gratuíto a todas as vítimas; un espazo virtual de información; o borrado da pegada dixital ou o desenvolvemento de programas de intervención psicopedagóxica para as condutas adictivas na rede.