Nova
A Xunta favorece a atención aos maiores de Castrelo de Miño ao poñer a súa disposición dous centros públicos
O Goberno galego promove a autonomía persoal e a actividade social na terceira idade a través de recursos como as casas do maior
Castrelo de Miño (Ourense), 17 de xuño de 2026
A Xunta favorece a atención as persoas maiores de Castrelo de Miño ao poñer a súa disposición dous centros públicos e gratuítos. Así o indicou o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, que esta mañá visitou aos usuarios das casas do maior Juana Tovar e Castrelo de Miño.
A rede de centros de día e casas do maior impulsada pola Xunta é un recurso fundamental para favorecer a atención e o coidado das persoas de máis idade. Permite promover ao tempo a súa autonomía persoal e a súa actividade social; e facilita, tamén, a conciliación das familias dos usuarios.
Estes equipamentos son, ademais, un dos mellores exemplos da implicación do Goberno autonómico coa defensa da liberdade dos galegos para elixir onde e como envellecer. Deste xeito, a Xunta pon a súa disposición preto de 7.000 prazas públicas en centros de día e arredor de 150 casas do maior.
Nesta liña, para aqueles que queren ser atendidos na súa casa, o Executivo galego implantou medidas como o servizo de axuda no fogar ou o Bono Coidado no Fogar. Este último, é unha iniciativa pioneira que ofrece unha axuda de 5.000 euros ao ano para os dependentes atendidos por un familiar ou calquera outra persoa do seu entorno, e que xa reciben case 40.000 persoas.