Nova

Fabiola García sinala que Galicia triplicou as prazas residenciais e lembra a débeda do Goberno central en materia de dependencia

Recorda que a residencia pública autonómica da Estrada foi pioneira no uso das novas tecnoloxías no ámbito da atención, dentro do novo modelo de coidados Galicia Calidade


Santiago de Compostela, 17 de xuño do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou o aumento das prazas residenciais financiadas con fondos públicos existentes en Galicia, que hoxe se sitúa xa por riba das 18.000, o triplo das que había en 2009. Fíxoo no Pleno do Parlamento autonómico en resposta a unha pregunta oral, na que sinalou que a Xunta podería crear e manter máis centros “se o Goberno central pagase os 250 millóns de euros que deixou a deber o ano pasado a todos os dependentes galegos”.

No que atinxe á situación da atención ás persoas maiores da Estada, Fabiola García, puxo en valor a residencia pública autonómica coa que xa conta este municipio e que ademais serviu de exemplo para a implantación do novo modelo de coidados Galicia Calidade.

Ao respecto, apuntou que o centro estradense foi o primeiro da rede da Xunta en dotarse de novos adiantos tecnolóxicos para mellorar o benestar e a atención dos seus usuarios, como sensores nas habitacións para advertir de calquera incidencia ou dispositivos multiparamétricos para o control do estado de saúde dos residentes.

A conselleira apuntou que o Goberno galego traballa para que as persoas maiores poidan elixir libremente onde e como queren pasar esta etapa das súas vidas. Con esta finalidade, a Xunta creará nestes tres anos 3.500 novas prazas residenciais e, para aqueles que prefiren estar nas súas casas, reforzouse o Bono Coidado no Fogar e incrementouse nun 50% o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).