Nova
A Xunta destaca a importancia de dotar ao rural de servizos de calidade na inauguración da residencia de maiores de Pantón
Fabiola García defende o modelo de coidados Galicia Calidade que está a desenvolver o Executivo autonómico, baseado en que as persoas maiores teñan liberdade para elixir onde e como queren ser coidadas
Este novo centro residencial, xa en funcionamento, oferta 36 prazas e conta con servizos sanitarios e de atención psicosocial
Pantón (Lugo), 16 de xuño do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo a nova residencia de maiores de Pantón como exemplo do traballo conxunto da Xunta, os concellos e o sector dos coidados para seguir ampliando unha rede de atención próxima, personalizada e familiar no rural. Fíxoo durante a inauguración oficial deste centro da Fundación San Rosendo, que recibiu os seus primeiros usuarios no pasado mes de abril. O acto contou coa participación do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, do presidente da devandita Fundación, José Luis Gavela, e dos alcaldes de Pantón, Sober, O Saviñao e Bóveda: José Luís Álvarez, Luís Fernández, Juan Carlos Armesto e José Manuel Arias, respectivamente.
Fabiola García destacou a importancia de que concellos como Pantón conten con servizos de proximidade e de calidade como este centro residencial, xa que implican crear novos postos de traballo e xerar oportunidades no rural. Así mesmo, apuntou que estes recursos permiten afrontar o reto demográfico nunha realidade do territorio galego marcada pola dispersión xeográfica e a ampla esperanza de vida.
Neste sentido, a conselleira defendeu o novo modelo de coidados Galicia Calidade, baseado en que as persoas maiores teñan a liberdade de poder elixir onde e como queren pasar esta etapa das súas vidas. A este obxectivo responden os recursos pensados para o rural, como as casas do maior; o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ao aumentar nun 50% o financiamento da Xunta ou Bono Coidado no Fogar, axuda anual de 5.000 euros para os maiores que prefiren ser atendidos nas súas casas.
Compromiso social
Por outra banda, Fabiola García resaltou o compromiso social da Fundación San Rosendo, entidade referente en Galicia no ámbito dos coidados e que na actualidade traballa en novos equipamentos para as persoas maiores, como as residencias que ten en construción en Verín e Ourense ou a ampliación da de Entrimo.
Ese centro residencial de Pantón é o primeiro servizo deste tipo co que conta o concello e supuxo un investimento de 1,5 millóns de euros por parte da Fundación San Rosendo. A primeira pedra do proxecto colocouse en xullo de 2024 e o pasado mes de abril entraron os seus primeiros usuarios.
A residencia dispón de 36 prazas distribuídas en dúas unidades de convivencia, das cales están nestes momentos cubertas 18. Tamén ten servizos sanitarios e de atención psicosocial. O seu cadro de persoal está formado por unha vintena de profesionais.