Nova
A Xunta constata a evolución das obras do novo centro de día de Vilamarín
O Goberno autonómico inviste 600.000 euros neste recurso, que suporá a creación de 30 novas prazas públicas de atención diúrna
Vilamarín (Ourense), 15 de xuño de 2026
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, avaliou esta mañá a evolución das obras do novo centro de día de Vilamarín, que xa están próximas ao seu remate.
Na visita, na que estivo acompañado polo alcalde do municipio ourensán, Amador Vázquez, o xerente do Consorcio destacou a importancia de impulsar a rede local de atención as persoas maiores a través de recursos coma este de Vilamarín, en cuxa construción a Xunta de Galicia inviste 600.000 euros. O centro, de titularidade municipal, disporá de 30 prazas.
O financiamento desta instalación está incluída no Plan de investimentos, ao que se destinan 18,5 millóns de euros de fondos europeos, dos cales 12 millóns, que supoñen o 65% do total do plan, estanse a empregar en proxectos da provincia de Ourense. A través deste programa para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos municipais a Xunta sufraga en toda Galicia unha vintena de actuacións. Inclúe residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais e foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Permitirá crear 682 novas prazas públicas de atención diúrna e residencial.