Nova
A Xunta aumenta os recursos para as vítimas de violencia de xénero cunha nova casa de acollida
Será o primeiro centro específico para vítimas con problemas de adicción
Invístense 960.000 euros nesta actuación, que se impulsa a través dun convenio coa Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home
Santiago de Compostela, 15 de xuño do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reiterou hoxe o compromiso de todo o Goberno galego coas mulleres que padecen ou padeceron malos tratos. Fíxoo durante unha visita ás obras do inmoble que acollerá o primeiro centro de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero con problemas de adiccións. Nesta visita tamén participaron o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, así como o presidente do padroado da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez, e a directora–presidenta de Proxecto Home, Ofelia Debén.
Fabiola García explicou que este novo recurso pronto será unha realidade grazas ao convenio de colaboración asinado coa Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home por un montante de 960.000 euros, que a devandita fundación investirá en reformar e equipar un inmoble da súa titularidade para albergar este servizo, que contará con 17 prazas. A conselleira sinalou que neste centro se ofrecerá unha atención integral ás vítimas co obxectivo de axudalas a recuperar a súa autonomía persoal e garantíndolles un espazo seguro e de protección tanto a elas como aos seus fillos e fillas.
Hai que ter en conta que estas mulleres son especialmente vulnerables, polo maltrato que sufriron e pola súa adicción ao alcohol ou outras substancias. Por iso, precisan dunha atención especializada centrada, nunha primeira fase, no control e superación das adiccións, para así poder atallar, nunha fase posterior, as secuelas derivadas da situación de violencia que padeceron e preparar a súa reincorporación á vida autónoma.
As obras desta nova casa de acollida xa están en marcha e o seu remate está previsto para o vindeiro mes de novembro. Este novo recurso ampliará a Rede Galega de Acollemento, que na actualidade está formada por oito centros e ofrece máis de 80 prazas. Estes equipamentos están situados na Coruña, Ferrol, Lugo, Vigo, Ourense, Burela e Chantada, aos que hai que sumar o Centro de Recuperación Integral de Santiago, que actúa como centro coordinador.