Nova

A Xunta abre o prazo para que os concellos soliciten as axudas para financiar o traballo dos Centros de Información á Muller

A orde de achegas xa está publicada no DOG, polo que as administracións locais teñen un mes para acollerse a elas

O Goberno galego destina este ano máis de 5 millóns de euros de fondos propios a esta convocatoria para subvencionar os gastos de persoal dos 84 CIM de Galicia


Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde de axudas aprobada pola Xunta para financiar o traballo dos 84 Centros de Información á Muller (CIM) que hai en Galicia na actualidade. Os concellos poden solicitar esta subvención durante un mes dende a data de publicación, que tivo lugar este venres, 12 de xuño.

O Goberno autonómico destina máis de 5 millóns de euros de fondos propios a esta convocatoria, na que se recolle que cada administración local pode recibir como máximo 52.000 euros e ata 120.000 euros no caso de solicitudes conxuntas. Concederase, así mesmo, un adianto do 80% do total da achega outorgada.

A través destas subvencións finánciase o custo dos postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, persoal técnico e axentes de igualdade ou formación do traballo en rede e dinamización do territorio con enfoque de xénero.

O apoio aos CIM é unha mostra máis do compromiso do Executivo galego na loita contra a violencia de xénero. Este recurso, esencial no asesoramento e acompañamento das mulleres galegas, atende a unha media de 17.600 mulleres ao ano.