Nova

A Xunta salienta os avances na plena integración das persoas xordas na celebración do Día Internacional da Lingua de Signos Española

Reitera o seu compromiso co impulso de iniciativas que fagan máis doada a vida destas persoas e fomenten a súa participación activa


Santiago de Compostela, 14 de xuño do 2026

A Xunta de Galicia destacou hoxe os avances na plena integración das persoas xordas e pon en valor o traballo que desenvolven as entidades sociais neste ámbito, coincidindo co Día Internacional da Lingua de Signos Española (LSE). Ademais, o Goberno galego reiterou o seu compromiso de seguir impulsando iniciativas que faciliten a vida das persoas xordas, dando resposta ás súas necesidades e fomentando a súa participación activa na vida pública.

Con este obxectivo, a Xunta continuará reforzando a súa colaboración con organizacións como a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), entidade de referencia que traballa en favor de acadar o desenvolvemento integral destas persoas en condicións de accesibilidade universal e que ten na LSE o seu valor principal.

Ao respecto, a Consellería de Política Social e Igualdade renovou recentemente o seu convenio con Faxpg, dotado para este ano 2026 dun orzamento de 900.000 euros. Este acordo ten como finalidade apoiar servizos e programas especializados para persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva.

A través desta colaboración, a Consellería que dirixe Fabiola García contribúe a favorecer o desenvolvemento e a autonomía destas persoas, a eliminar as barreiras de comunicación que encontran, a incrementar as súas posibilidades de formación e a fortalecer o traballo do tecido asociativo como ferramenta de defensa dos intereses deste colectivo.