Nova
A Xunta promove actividades interxeracionais nas que a experiencia dos maiores serve de guía para os mozos
A través deste tipo de iniciativas, o Goberno galego fomenta a participación dos maiores e os vínculos destes coas novas xeracións
A Coruña, 13 de xuño de 2026
O proxecto O camiño da miña vida impulsado pola Xunta de Galicia dentro do seu programa de envellecemento activo e saudable reuniu as persoas usuarias do centro sociocomunitario da Coruña e a nenos e adolescentes do centro San Xosé de Calasanz. A través desta iniciativa, os maiores compartiron as súas experiencias e lembranzas como guía para as novas xeracións.
Deste xeito, con este tipo de accións o Goberno galego impulsa os vínculos interxeracionais, facendo que o exemplo das persoas maiores sirva de folla de ruta para a mocidade.
O Camiño da miña vida comezou en marzo no centro sociocomunitario, onde os maiores traballaron nas experiencias que lles marcaron ao longo da súa vida, recompilando fotos e mesmo escribindo as súas memorias. Esas historias pasaron despois polas mans dos menores do centro San Xosé de Calasanz que as transformaron en vídeos, podcast ou murais urbanos.
No encontro entre ambos grupos, na fase final do proxecto, os maiores sentiron o recoñecemento de ver a súa vida representada como un camiño que guía os pasos dos rapaces; os cales, pola súa banda, recibiron as ensinanzas dos que xa o percorreron.
Por medio desta iniciativa, a Xunta tamén propicia o traballo conxunto e a colaboración interxeracional. Así mesmo, fomenta a participación social das persoas maiores e ofrécelles unha sorte de homenaxe.