Nova

A Xunta destaca a Lei de infancia de Galicia como garante dos dereitos dos nenos e adolescentes

A norma reforma a atención e protección dos menores e impulsa o acollemento familiar como fórmula prioritaria cando un neno non pode vivir coa súa familia

O Goberno autonómico da voz as necesidades e propostas dos menores a través do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia


Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2026

A primeira Lei de infancia e adolescencia da historia de Galicia será garante dos dereitos dos máis de 365.000 menores de idade que viven na comunidade. Esta foi unha das principais conclusións do I Congreso autonómico Os dereitos da infancia en Galicia ao que asistiu esta mañá o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey.

A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), responsable da xornada, presentou o informe Os dereitos da infancia en Galicia, no que, entre outros aspectos, lembrou a oportunidade que representa ter unha norma que permita avanzar cara a un sistema de protección máis coordinado, integral e eficaz.

A Lei galega de infancia e adolescencia busca reforzar a atención e protección dos menores e impulsa o acollemento familiar como fórmula prioritaria cando un neno non pode vivir coa súa familia. A norma contempla, entre outras medidas, a prioridade para as familias acolledoras nos procesos de adopción, a creación dun rexistro autonómico de familias acolledoras e adoptivas, a redución das rupturas emocionais entre menores e familias de acollida e a axilización dos procedementos para protección e adopción dos nenos a adolescentes.

A Xunta resalta ademais que é clave que os menores coñezan os seus dereitos para poder exercelos e lembra a importancia de darlles voz e escoitar as súas necesidades. Neste sentido, o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) facilítalles un espazo para que se expresen, propoñan ideas e tomen decisións acerca das cuestións que lles afectan.

A Galicia Calidade pola que avoga o Goberno autonómico constrúese protexendo a infancia e o seu futuro.