Nova
Martina Aneiros eloxia o traballo dos voluntarios durante a súa visita á Fundación Ingada
A entidade foi beneficiaria da última edición das subvencións para o fomento e realización de actividades de voluntariado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
A representante autonómica recordou que o prazo de solicitude da actual convocatoria está aberto ata o 22 de xuño
Narón (A Coruña), 12 de xuño de 2026
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén aberto, ata o 22 de xuño, o prazo para solicitar as subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado. Disto deu conta a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, esta mañá durante unha visita á Fundación Ingada (Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados), onde mantivo unha reunión co psicólogo sanitario Esteban López.
Esta entidade foi beneficiaria da anterior convocatoria destas axudas. O obxectivo de Ingada é o de mellorar a calidade de vida das persoas con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) e outros trastornos asociados a este. Para isto, ofrecen unha asistencia integral ás persoas afectadas en diferentes puntos da comunidade.
Durante a visita, Aneiros puido comprobar os diferentes servizos que ten a sede naronesa, que, a parte do programa de voluntariado, conta con actividades de lecer e tempo libre, asesoría xurídica, formación, información e apoio a familias, grupos de axuda mutua e valoración clínica.
A representante do Goberno galego eloxiou o traballo da fundación e dos voluntarios, “que ceden desinteresadamente o seu tempo e esforzo para axudar a que a nosa sociedade sexa mellor”. Aproveitou tamén para recordar que a actual convocatoria está dotada de preto de 129.000 euros, e que a contía máxima de axuda por proxecto non poderá superar os 4.000 euros nin o 75% do orzamento total do proxecto presentado. Ademais, explicou que estas achegas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, e que a contía de cada unha será calculada de forma proporcional á puntuación obtida ata esgotar o crédito dispoñible.