Nova

Belén do Campo destaca en Miño o compromiso do Goberno galego coa conciliación e gratuidade da Educación Infantil na nova escola municipal de Xarío

A representante do Goberno autonómico destacou que a Xunta aportou europeos, unha achega de 265.000 euros procedentes dos fondos europeos para a rehabilitación integral da antiga escola unitaria para convertela nun novo centro de atención educativa de 0 a 3 anos.


Miño (A Coruña), 12 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá a nova escola infantil municipal de Xarío, no concello de Miño, que comezará a funcionar o vindeiro curso 2026-2027, e destacou o compromiso do Goberno galego coa ampliación da rede de atención á infancia e coa conciliación das familias a través da creación de novas prazas públicas de 0 a 3 anos.

Durante a visita, a representante autonómica puxo en valor a colaboración entre administracións que permitiu facer realidade este proxecto grazas a unha achega económica da Xunta de Galicia, que financiou a súa posta en marcha cunha subvención de 265.000 euros procedentes dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) tramitados polo Goberno galego.

Esta actuación enmárcase na convocatoria de axudas destinada aos concellos para a creación de novas prazas de educación infantil, impulsada pola Consellería de Política Social e Igualdade co obxectivo de seguir consolidando Galicia como a comunidade autónoma líder en escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil.

A delegada explicou que os fondos permitiron transformar integralmente o edificio da antiga escola unitaria de Xarío nunha moderna escola infantil adaptada ás necesidades dos nenos e nenas de 0 a 3 anos. O novo centro conta con tres aulas, cada unha delas co seu propio patio exterior, ademais de comedor e unha ampla zona verde para actividades ao aire libre.

“Esta actuación é un exemplo de como os fondos europeos, xestionados pola Xunta de Galicia, se traducen en mellores servizos para as familias e en máis oportunidades de conciliación nos concellos”, destacou.

A apertura da nova escola permitirá incorporar 43 novas prazas ao sistema educativo municipal, incrementando de maneira significativa a capacidade de atención á primeira infancia. Deste xeito, Miño pasará das 76 prazas actuais reforzando a súa rede de recursos educativos e de conciliación nun municipio que supera xa os 7.000 habitantes e que vén experimentando un importante crecemento demográfico nos últimos anos.

A delegada lembrou tamén que a Xunta xa financia actualmente estas 76 prazas da escola infantil municipal A Ceboliña, que son gratuítas para as familias grazas á achega autonómica de preto de 92.000 euros durante este curso 2025-2026.

Neste sentido, destacou que a posta en funcionamento da nova escola infantil de Xarío suporá unha nova achega anual da Xunta para garantir a gratuidade das súas 41 prazas.

A representante da Xunta enmarcou esta intervención dentro da aposta decidida do Goberno galego pola atención á infancia e o apoio ás familias, tanto mediante a creación e mellora de infraestruturas educativas como a través de medidas pioneiras como a gratuidade universal da etapa de 0 a 3 anos.

Ao respecto, lembrou que o próximo curso será será o quinto período escolar no que a atención educativa será 100% gratuíta para todos os nenos e nenas para todas as escolas, independentemente da súa titularidade.

Neste senso, subliñou que Galicia foi pioneira en facer gratuítas todas as escolas infantís, durante oito horas ao día e once meses ao ano. Unha medida que está ao dispor de máis de 32.000 familias, que lles permite aforrar ata 4.000 euros ao ano e na que a Xunta inviste máis de 68 M€ de fondos propios. Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil con case un 65% de matriculación, 15 puntos por encima da media nacional. Nesta liña a delegada destacou que a creación de novas prazas como as de Xarío contribúe a seguir avanzando neste liderado e a ofrecer máis oportunidades ás familias galegas.