Nova
O delegado da Xunta continúa en Abadín a rolda de visitas institucionais aos concellos lucenses
Villares e López Rancaño abordaron algúns dos principais proxectos froito da colaboración entre ambas administracións, como a futura residencia municipal de maiores, á que o Goberno galego achegou 1,2 M€
Abadín (Lugo), 11 de xuño de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, reuniuse hoxe co alcalde de Abadín, José María López Rancaño, no marco da rolda de visitas institucionais que prevé realizar aos concellos lucenses.
O obxectivo destas xuntanzas é facer seguimento das principais demandas de cada zona e seguir reforzando a colaboración coas entidades locais para impulsar proxectos, mellorar servizos públicos e dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas da provincia.
O encontro serviu para repasar algunhas das iniciativas en marcha froito desta cooperación, como a residencia municipal de maiores de Abadín, que ofrecerá 44 prazas. A Consellería de Política Social e Igualdade destinou 1,2 M€ a financiar as obras de rehabilitación e ampliación do edificio do antigo do colexio de infantil para albergar o futuro servizo.
Así mesmo, o delegado tamén salientou as liñas específicas de axudas a concellos que convoca cada ano a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. En 2025, a Xunta concedeu a este municipio 276.400 euros do Fondo de Compensación Ambiental para realizar melloras no polideportivo e habilitar unha senda peonil -entre outras actuacións -; e 60.000 euros do Fondo Adicional ao Fondo de Cooperación Local para accións de eficiencia enerxética nos vestiarios do campo de fútbol.
Villares reiterou o seu compromiso de traballar da man de todos os concellos co fin de garantir un desenvolvemento territorial equilibrado na provincia.