Nova

A central telefónica de atención á soidade non desexada da Xunta recibiu no primeiro ano de funcionamento preto de 8.000 chamadas

Fabiola García destacou que foron unha media de 21 consultas ao día durante este período de tempo

O Executivo galego reforza a colaboración coa Cruz Vermella para consolidar este recurso a través dun convenio de 300.000 euros


Santiago de Compostela, 11 de xuño do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor este mediodía o bo funcionamento da central de atención telefónica de atención á soidade non desexada da Xunta, que recibiu preto de 8.000 chamadas neste primeiro ano de actividade.  De feito, o persoal atende unha media de 21 consultas ao día, tal e como avanzou tras a sinatura dun convenio coa presidenta da Cruz Vermella, Mercedes Casanova, para reforzar e consolidar con 300.000 euros este servizo público e gratuíto para a cidadanía.

A conselleira recalcou que “as cifras demostran a boa acollida desta central”, que non deixa de ser “un recurso que sempre está dispoñible para quen máis o precisa, ofrecendo atención, asesoramento e acompañamento”. Por iso é tan importante, resaltou, o apoio e a calidade humana de todos os operadores que descolgan o teléfono e que fan un importante labor diario.

Con todo, a conselleira lembrou que esta central telefónica é só un dos piares da Estratexia galega contra a soidade non desexada, que consta dunha ampla folla de ruta centrada en tres eixos: a sensibilización, a prevención e a actuación. Deste xeito, explicou que o Goberno galego xa leva anos impulsando accións destinadas a prever estas situacións a través de programas como Xantar na Casa ou Xuntos polo Nadal.

A estas iniciativas súmanse os convenios de colaboración cos Colexios Oficiais de Administradores de Fincas, de Farmacéuticos e as Asociacións de Comerciantes, organismos de proximidade que son imprescindibles para sensibilizar e detectar calquera sinal de alerta. Tal e como remarcou a conselleira, trátase dunha alianza fundamental para seguir ampliando a rede de apoio e chegar a quen máis o precisa.