Nova
A Xunta denuncia que o Goberno central recorta os fondos de demografía para Galicia
Fabiola García deixou en evidencia que o Executivo central penaliza as comunidades que aplican políticas que están dando resultados
Madrid, 10 de xuño do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, denunciou este mediodía un novo agravio do Goberno central con Galicia tras coñecerse na Conferencia Sectorial do Reto Demográfico que a nosa comunidade vai recibir un 6% menos de fondos. Trátase dun recorte de 140.000 euros para un territorio marcado especialmente pola dispersión poboacional e a alta esperanza de vida, que son condicionantes para estas políticas.
Fabiola García explicou que este recorte nos fondos do Reto Demográfico son consecuencia da falta de Presupostos Xerais do Estado, unha mostra máis do abandono do Goberno central, que acaba repercutindo e prexudicando, dixo, a todos os galegos. Fronte a isto reivindicou que a Xunta aproba ano tras ano os seus orzamentos en tempo e forma.
Por outra parte, engadiu que “non entendemos que o Executivo central castigue a unha comunidade que está facendo as cousas ben” e, recalcou, “que está gañando poboación ano a ano” tal e como demostran as cifras dos organismos oficiais.
Outros recortes do Goberno Central
A diminución dos fondos do Reto Demográfico supón un novo recorte do Goberno central a Galicia. Tal e como denunciou recentemente a Xunta, o Executivo central vén de rebaixar 2,3 millóns de euros á comunidade no marco do Plan Corresponsables. Así como o constante incumprimento da Lei de dependencia por parte do Goberno de España, xa que cada ano reduce máis a súa achega, pasando do 34% no ano 2024 a tan só o 32% do financiamento no 2025.