Nova

Fabiola García presenta no Congreso Europeo dos Coidados o modelo Galicia Calidade, baseado na liberdade, a proximidade e a atención personalizada

Destacou o Plan de axilización e simplificación da dependencia e da discapacidade, que permitiu reducir os tempos de valoración e atender preto de 97.000 persoas

Puxo en valor medidas pioneiras como o Bono Coidado no Fogar ou a rede de casas do maior e a aposta da Xunta polo envellecemento activo e saudable


Madrid, 10 de xuño de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá o modelo de coidados Galicia Calidade, que pon o foco na atención personalizada, na proximidade e na liberdade. Esta foi a idea central da súa intervención no I ExpoCongreso Europeo dos Coidados SocioCare, que reuniu no recinto feiral Ifema os actores implicados no sistema de coidados para abordar os actuais retos.

Na súa exposición, a conselleira apuntou as particularidades da comunidade, cunha poboación dispersa e cada vez máis lonxeva, e súa repercusión no labor das administracións públicas, que deben adaptarse para responder ás necesidades dos habitantes. Destacou ao respecto a atención a dependencia e o Plan de axilización e simplificación da dependencia e da discapacidade posto en marcha pola Xunta, que supón unha inversión anual de 840 millóns de euros e permitiu aumentar o número de atendidos a preto de 97.000 persoas e reducir os tempos de valoración.

Sinalou tamén a mellora e o crecemento do sistema residencial. Así, resaltou a implantación dun novo modelo nos centros no que se aposta polas novas tecnoloxías, creando residencias intelixentes con sensores que alertan de caídas, problemas de orientación ou calquera outra situación de risco. Así mesmo, apuntou que este modelo tamén reforza a coordinación entre os ámbitos social e sanitario, e procura unha nova concepción dos centros para evolucionar cara a uns equipamentos que sexan máis parecidos a un fogar.

Explicou que en Galicia, a maioría das persoas desexan recibir coidados nas súas casas. Por iso, a Xunta impulsou medidas pioneiras para garantir a liberdade de elixir onde e como facerse maior como o Bono Coidado no Fogar, unha axuda de 5.000 euros ao ano para os dependentes atendidos por un familiar ou calquera outra persoa do seu entorno, que xa reciben case 40.000 persoas. Ou a rede de casas do maior, con máis de 150 recursos de atención diúrna estendidos por todo o rural galego.

Fabiola García destacou así mesmo que nos últimos anos Galicia asumiu o compromiso de avanzar máis alá do modelo centrado na dependencia para incluír a promoción da autonomía persoal e da calidade de vida dos maiores. Un modelo de envellecemento activo e saudable que conta con iniciativas como o programa Benestar en Balnearios ou o Carné +65.

Galicia, referente nacional

A conselleira avanzou que o Goberno autonómico segue a dar pasos para consolidar Galicia como referente nacional nos coidados e, nese sentido, impulsou nesta lexislatura un plan de construción de novas residencias de maiores e habilitará 1.800 novas prazas de atención aos maiores en concellos de menos de 50.000 habitantes. Ademais de buscar a forma para seguir dotando á comunidade de centros residenciais de vangarda como os construídos e doados pola Fundación Amancio Ortega. A meta é impulsar no que queda de lexislatura 3.500 novas prazas sostidas con fondos públicos.“A Xunta –concluíu a conselleira– leva anos traballando na renovación e modernización do sistema de coidados para adecualo á sociedade do século XXI”. “E para devolver aos nosos maiores unha pequena parte do moitísimo que nos deron e nos dan”, rematou.