Nova
Pablo Fernández visita Xuntos Síndrome de Down e destaca a importancia da integración social e laboral de todas as persoas
Esta entidade recibiu axudas da Xunta por valor de máis de 80.000 euros para levar a cabo programas de emprego e para a contratación de persoal
O delegado subliñou o compromiso da Xunta con este tipo de entidades que traballan por unha sociedade máis inclusiva e integradora
Pontevedra, 10 de xuño de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá as instalacións da asociación Xuntos Síndrome de Down, en Pontevedra, para coñecer de primeira man o labor que desenvolve a entidade.
Durante a visita, o delegado territorial destacou o compromiso da Xunta coas entidades do terceiro sector que traballan pola igualdade de oportunidades e a integración laboral das persoas con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo.
Neste sentido, lembrou que a asociación recibiu tres axudas da Xunta por un importe total superior aos 80.000 euros destinadas ao desenvolvemento de programas de emprego e á contratación de persoal.
En concreto, a entidade resultou beneficiaria dunha achega de 18.458,42 euros a través do Programa de Emprego con Apoio, unha iniciativa que ten como obxectivo facilitar a incorporación e permanencia no mercado laboral ordinario das persoas con discapacidade mediante acompañamento individualizado e apoio especializado. Deste programa, o Goberno galego lanzou recentemente a edición deste ano e o prazo de presentación de solicitudes das axudas abrirá mañá.
Ademais, Xuntos Síndrome de Down recibiu unha subvención de 40.803 euros ao abeiro dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, destinada á contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social.
A estas axudas súmase unha terceira achega de 21.240 euros para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, reforzando así a capacidade da entidade para continuar desenvolvendo os seus proxectos e servizos en beneficio das persoas usuarias.
Pablo Fernández subliñou que estas actuacións permiten avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva e integradora, ao tempo que contribúen a mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade e a fortalecer o traballo que realizan entidades de referencia como Xuntos Síndrome de Down.