Nova
A Xunta inviste 100.000 euros nas obras de mellora dos recursos de atención a maiores de Boimorto
Fabiola García destacou que o Goberno galego tamén achega medio millón de euros do Plan de Investimentos para ampliar a residencia municipal
No encontro, tamén explicou que o acordo coa Fegamp vai permitir achegar 814.000 euros ao Servizo de Axuda no Fogar ata 2028
Santiago de Compostela, 9 de xuño do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, asinaron este mediodía en San Caetano un convenio de colaboración para realizar obras de mellora nos recursos municipais de atención a maiores. Deste xeito, a Xunta achegará 100.000 euros ao concello para financiar as actuacións e renovar os equipamentos.
Fabiola García aproveitou a ocasión para interesarse tamén polo avance das obras de ampliación da residencia municipal, que forman parte do Plan de Investimentos da Xunta e que se beneficiou dunha achega de medio millón de euros do Executivo galego, para sufragar o 80% do custo da reforma. Con estas actuacións, o centro sumará 14 novas prazas, o que lle permitirá ofrecer servizo residencial a 53 maiores.
A este investimento súmase, segundo lembrou a conselleira no encontro, unha achega recente da Xunta de preto de 30.000 euros para obras de mellora no centro social da veciñanza, un dos puntos de encontro dos maiores deste municipio. Unhas instalacións ás que acoden vintenas de veciños todas as semanas para realizar actividades de envellecemento activo, xornadas de lecer ou outras iniciativas interxeracionais pensadas para fomentar a súa participación social.
Compromiso da Xunta coa atención aos maiores
A conselleira trasladou a alcaldesa o compromiso da Xunta coa atención a todos os maiores, especialmente a aqueles que viven no rural. Neste sentido, explicou que o Goberno galego traballa de xeito constante para reforzar todos os recursos e servizos. Proba disto, dixo, é o acordo coa Fegamp para o incremento do prezo do Servizo de Axuda no Fogar e polo que a achega do Executivo autonómico vai ser de 500 millóns de euros ata o ano 2028.
Deste xeito, Fabiola García detallou que no caso de Boimorto, este acordo histórico vai supoñer un incremento de 240.000 euros en tres anos, polo que a Xunta investirá no 2028 máis de 814.000 euros neste servizo de xestión municipal.
Así mesmo, tamén lembrou que o Goberno galego financia unhas 120 prazas públicas de atención a maiores neste concello. A isto, dixo, hai que sumar o Bono Coidado no Fogar, unha prestación económica para todos os dependentes que queren ser atendidos nas súas casas, é que supón unha axuda directa de 5.000 euros ao ano. Así pois, no concello de Boimorto son xa máis de 50 as persoas que reciben esta achega.