Nova

O delegado territorial da Xunta recibe a expertos hispanoamericanos no ámbito da lonxevidade e o envellecemento saudable

Manuel Pardo destacou que a visita destes expertos pode ser unha oportunidade para reforzar esa visión e abrir novas vías de colaboración con institucións, universidades, profesionais sanitarios e entidades de Hispanoamérica


Ourense, 9 de xuño de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, recibiu esta mañá, na Delegación Territorial, a unha representación de expertos hispanoamericanos de recoñecido prestixio internacional no ámbito da lonxevidade e o envellecemento saudable.

Para o delegado territorial, trátase dunha visita cunha especial relevancia científica, institucional e territorial, xa que veñen de participar en congresos internacionais de lonxevidade celebrados en Estados Unidos e México e teñen previsto continuar a súa axenda científica en Londres.

Manuel Pardo salientou que o seu interese non é simplemente turístico nin anecdótico; queren comprender os determinantes da lonxevidade ourensá como o modo de vida, a alimentación, o territorio, o termalismo, a contorna rural, a cohesión social, os hábitos tradicionais, a relación coa natureza, a historia familiar e comunitaria, e todos aqueles elementos que poden contribuír a explicar por que Ourense destaca como un territorio singular no mapa da lonxevidade.

Para rematar, o representante do Goberno autonómico destacou que a visita destes expertos pode ser unha oportunidade para reforzar esa visión e abrir novas vías de colaboración con institucións, universidades, profesionais sanitarios e entidades de Hispanoamérica.