Nova

Manuel Pardo resalta a función do programa Benestar en Balnearios da Xunta a prol do envellecemento activo e saudable

O delegado territorial destacou que esta iniciativa da Consellería de Política Social e Igualdade, dirixida a persoas maiores de 60 anos ou pensionistas de máis de 55, ten como obxectivos mellorar a calidade de vida dos maiores a través do fomento de actitudes positivas para o autocoidado da saúde, e dinamizar a economía local aproveitando a riqueza termal de Ourense

Manuel Pardo sinalou que nesta edición, cun investimento de máis 331.000 euros, o Goberno galego ofrece máis de 1.270 prazas e aumenta as quendas para incluír os meses de verán, co fin de seguir desfrutando das oportunidades que ofrece a nosa provincia, como o termalismo, nunha experiencia que mestura lecer, saúde e descanso desde xullo ata decembro

O representante autonómico informou que o prazo de inscrición está aberto ata o 26 de xuño de forma online na sede electrónica da Xunta de Galicia  ou presencial en calquera rexistro oficial, así como en calquera outro rexistro administrativo ou Oficina de Correos


Ourense, 09 de xuño de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Lobios  para visitar, da man da súa alcaldesa, María del Carmen Yáñez,  o Hotel Balneario Lobios Caldaria, un dos catro establecementos ourensás incluídos na duodécima edición do programa Benestar en Balnearios, no que a Xunta inviste máis de 331.000 euros financiando estadías en réxime de pensión completa, para persoas da nosa comunidade maiores de 60 anos ou pensionistas de máis de 55.

O delegado territorial lembrou que está aberto o prazo de presentación de solicitudes para esta iniciativa da Consellería de Política Social e Igualdade ata o día 26 de xuño,  que cumpre un dobre obxectivo, por unha banda, mellorar a calidade de vida dos maiores a través do fomento de actitudes positivas para o autocoidado da saúde e do impulso das relacións sociais, e por outra, dinamizar a economía local aproveitando a riqueza termal de Ourense, que é un dos principais destinos de turismo de augas mineromedicinais de España.

Manuel Pardo destacou que nesta edición o Goberno galego ofrece máis de 1.270 prazas e aumenta as quendas para incluír os meses de verán, co fin de seguir desfrutando das oportunidades que ofrece a nosa comunidade, como o termalismo, nunha experiencia que mestura lecer, saúde e descanso desde xullo ata decembro. Neste marco, sinalou a importancia dos recursos naturais e culturais da provincia de Ourense, que camiñan a carón da sustentabilidade como criterio para alcanzar unha mellor calidade de vida, e como a recuperación e preservación dos recursos naturais contribúen de xeito importante ao desenvolvemento socioeconómico do territorio.

O representante do Goberno galego recordou que o programa forma parte da aposta da Consellería de Política Social e Igualdade polo envellecemento activo e saudable. Neste sentido, sinalou que a Xunta conta con aulas sénior e con convenios coas tres universidades para aquelas persoas que queiran seguirse formando; e tamén se impulsou este ano o Carné +65, que permite ofrecer descontos, vantaxes e viaxes para desfrutar desta nova etapa.

Establecementos na provincia de Ourense

O programa tamén inclúe, na provincia de Ourense, os balnearios Arnoia Caldaria Hotel, no concello de A Arnoia; Hotel Balneario Laias Caldaria, no concello de Cenlle, e o Gran Balneario do Carballiño, con aloxamento na Residencia de Tempo Libre do Carballiño.

As solicitudes faranse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. De maneira opcional, tamén poderanse presentar por rexistro ou nas Oficinas de Correos.

Reunión coa alcaldesa de Lobios

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía na contorna para manter un encontro coa alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.

Manuel Pardo trasladoulle “o compromiso da Xunta de acometer os investimentos necesarios e traballar de forma conxunta para garantir o benestar de todos os veciños do concello”.