Nova

A Xunta sitúa a Aspnais como referente no acompañamento ás persoas con discapacidade durante seis décadas de traballo

Antón Acevedo trasladou á asociación o agradecemento do Goberno galego pola súa calidade humana e o seu incansable traballo dando visibilidade ás necesidade das familias


Lugo, 8 de xuño do 2026

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, situou esta tarde a Asociación de pais ou titores de persoas con discapacidade intelectual (Aspnais) como entidade de referencia no acompañamento ás persoas con discapacidade ao longo de seis décadas de traballo na provincia de Lugo. Así o destacou tras a presentación do libro Aspnais 60 anos, 100 olladas, que conmemora a traxectoria desta organización.

Antón Acevedo trasladou á asociación o agradecemento de todo o Executivo galego pola súa calidade humana, o seu esforzo e dedicación durante 60 anos para dar visibilidade ás necesidades das persoas con discapacidade e das súas familias. Por iso, reafirmou o compromiso da Xunta con esta entidade e todo o sector asociativo porque son, dixo, un piar fundamental para estender o apoio do Goberno galego a quen máis o precisa.

Neste sentido, o director xeral desexou a Aspnais o mellor para todos os seus proxectos de futuro, ao tempo que reivindicou que o seu traballo é imprescindible para seguir construíndo unha Galicia máis xusta, igualitaria e inclusiva. Un labor para o que sempre terán, recalcou, a man tendida da Xunta.