Nova

A Xunta mantén aberto o prazo de inscrición para o programa Benestar en Balnearios

Os interesados en participar nesta iniciativa, á que están adheridos 15 establecementos, poden solicitar a súa praza ata o 26 de xuño

A iniciativa, que alcanza a súa duodécima edición, aumenta as quendas e inclúe estadías durante o verán


Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2026

A Xunta mantén aberto o prazo de inscrición para o programa Benestar en Balnearios. Ata o vindeiro 26 de xuño, as persoas maiores de 60 anos, ou pensionistas de máis de 55, interesadas poderán solicitar a súa praza nalgún dos 15 establecementos adheridos á iniciativa.

O programa, que chega á súa duodécima edición, xa é un referente no envellecemento activo e saudable ao mesturar lecer, saúde e descanso. Este ano ofrece más de 1.270 estadías en pensión completa e aumenta as quendas para incluír estadías durante os meses de verán. Deste xeito, os usuarios poderán desfrutar desde xullo ata decembro dunha das oportunidades que ofrece a nosa comunidade, como é o termalismo.

O compromiso do Goberno galego con esta iniciativa queda patente co reforzo do investimento, que nesta edición supera os 331.000 euros. O programa forma parte da aposta da Consellería de Política Social e Igualdade polo envellecemento activo e saudable.

Benestar en Balnearios cumpre un dobre obxectivo, por unha banda, mellorar a calidade de vida dos maiores a través do fomento de actitudes positivas para o autocoidado da saúde e do impulso das relacións sociais, e por outra, dinamizar a economía local aproveitando a riqueza termal de Galicia, que é un dos principais destinos de turismo de augas mineromedicinais de España.