Nova

Fabiola García destaca que Galicia é pioneira en ofrecer formación especializada en violencia de xénero dixital ao persoal que atende as vítimas

Un total de 200 profesionais de Galicia participaron nas xornadas celebradas nas catro provincias, que se enmarcan na futura Lei de Acoso e Violencia Dixital que está ultimando a Xunta

A conselleira explicou que esta iniciativa forma parte da proposta lexislativa impulsada en Galicia e sitúa a comunidade como referente nacional na loita contra este tipo de violencia

Reafirmou o compromiso da Xunta con todas as persoas que poidan verse afectadas por calquera forma de violencia e asegurou que “promover a liberdade, a dignidade e o benestar fortalece a nosa sociedade”


Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá que Galicia é a primeira comunidade de España en formar en violencia de xénero dixital a todo o persoal técnico que traballa directamente coas vítimas. Esta formación faise a través dunhas xornadas desenvolvidas en cinco cidades (Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela) e que finalizaron hoxe na capital galega. No acto de clausura tamén participaron o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e a presidenta da asociación Stop Violencia de Género, Encarnación Iglesias.

Na súa intervención, a conselleira destacou que este plan de formación especializada “é pioneiro a nivel nacional” e explicou que se enmarca na futura Lei Galega de Acoso e Violencia Dixital, que a Xunta está ultimando. O obxectivo é dotar aos profesionais de ferramentas prácticas para detectar, avaliar e intervir ante estas formas de violencia, que requiren dunha resposta profesional especializada e que sofren en maior medida mulleres e menores de idade.

Fabiola García explicou que unha das claves deste programa, no que participaron 200 profesionais de toda Galicia, “é a necesidade de acompañar axeitadamente as vítimas” e detallou que un dos avances máis innovadores é a creación de mecanismos de coordinación entre profesionais e institucións “que eviten que as vítimas teñan que revivir experiencias dolorosas ao repetir a súa historia ante cada servizo ou departamento”. “Creando unha rede de apoio sólida, coordinada e centrada nas persoas”, asegurou.

Outros dos eixos deste plan de formación son a prevención e o empoderamento dixital, xa que, segundo destacou a conselleira, “protexer tamén significa informar, educar e dotar á cidadanía de ferramentas para recoñecer riscos e defender os seus dereitos na contorna dixital”.

Finalmente, a conselleira reafirmou  o compromiso da Xunta con todas as persoas que poidan verse afectadas por calquera forma de violencia e asegurou que “promover a liberdade, a dignidade e o benestar fortalece a nosa sociedade”. Por esta razón, rematou, “Galicia decidiu liderar este avance cara a un entorno dixital máis seguro e inclusivo para todos”.

A formación estivo dirixida ao persoal dos Centros de Información á Muller, da rede de acollida, oficinas de atención a vítimas, recursos especializados e entidades sociais. Durante as xornadas, abordouse como identificar este tipo de violencia, senón tamén como acompañar correctamente ás vítimas.

Ademais, traballouse en protocolos de actuación, acompañamento emocional, tratamento humano e especializado, así como sobre a importancia das evidencias dixitais dentro de calquera proceso xudicial.

Plataforma especializada

Ademais, desde este momento ponse ao dispor de todos os profesionais participantes unha plataforma especializada con recursos e ferramentas prácticas para a protección das vítimas, que poderán empezar a utilizar de xeito inmediato no seu traballo diario. Para garantir o máximo aproveitamento desta ferramenta, celebraranse tamén dúas xornadas en liña de seguimento e resolución de dúbidas cos profesionais que xa participaron na formación presencial.

Así mesmo, poñerase en marcha unha nova edición integramente en liña deste curso, dirixida a aqueles profesionais que non puidesen asistir ás sesións presenciais e desexen acceder a esta formación especializada, que será obrigatoria unha vez aprobada a lei.