Nova

A Xunta financia con 150.000 euros a nova sede do Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Verín

Fabiola García destaca a importancia de achegar este tipo de recursos ao rural para que as distancias e a mobilidade non sexan obstáculo para acceder a eles

Recorda que o Goberno galego aprobou esta semana unha nova convocatoria de cinco millóns de euros para o funcionamento dos 84 CIM existentes na comunidade


Verín (Ourense), 3 de xuño do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe que a nova sede do Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín “cumpre con todos os requisitos necesarios para garantir unha atención integral e de calidade”. Fíxoo durante un percorrido polas novas instalacións deste servizo público, ás que a Xunta destinou máis de 151.000 euros para a súa reforma e equipamento. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; a directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto; o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba; e o presidente da Mancomunidade e alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, tamén participaron na visita.

Fabiola García felicitou os sete concellos que forman parte da Mancomunidade –Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilardevós–  pola súa aposta por fortalecer este servizo cunha nova sede máis ampla ca anterior, para que tanto o persoal como as usuarias “se sintan cómodas, seguras e atendidas nas mellores condicións”. Así mesmo, a nova sede garante a intimidade e a accesibilidade que demanda un recurso como este, que atende a máis de 250 mulleres ao ano.

Neste sentido, a conselleira subliñou que este CIM “ten unha relevancia especial”, xa que achega recursos a moitas mulleres que viven no rural, onde as distancias e a mobilidade non deben ser obstáculos á hora de acceder aos mesmos. Deste xeito, “garántese a liberdade das mulleres e a súa independencia”, engadiu.

Fabiola García sinalou que o Executivo autonómico seguirá a consolidar os servizos de atención integral, de información e asesoramento que prestan os 84 CIM que funcionan actualmente en Galicia, e aos que acoden anualmente arredor de 17.000 mulleres. Con este obxectivo, esta mesma semana o Consello da Xunta aprobou a convocatoria dunha nova orde de axudas dotada de cinco millóns de euros para apoiar aos concellos a financiar o funcionamento destes servizos.

Ademais, e dentro deste reforzo da colaboración con estes centros, a Xunta elaborou un estudo para coñecer o funcionamento dos CIM e as súas necesidades, e do que se sacarán conclusións para seguir impulsando as políticas de igualdade.