Nova
A Xunta avanza que a nova Lei de Infancia e Adolescencia de Galicia potenciará a participación das novas xeracións na vida pública
Jacobo Rey lembrou que o Goberno galego colabora co CAIA en accións para visibilizar o dereito da xuventude a ser escoitada e tida en conta na xestión pública
Nogueira de Ramuín (Ourense), 3 de xuño do 2026
O director xeral de Familia Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, avanzou esta tarde, durante a mesa redonda de participación infantil das xornadas da Rede Interautonómica de Participación Cidadá, que a futura Lei de Infancia e Adolescencia de Galicia reforzará os mecanismos para que as novas xeracións teñan un papel máis destacado na vida pública.
Neste acto, organizado pola Xunta, Jacobo Rey lembrou que o Goberno galego creou en 2023 o Consello Autonómico da Infancia e da Adolescencia (CAIA) e leva desde entón impulsando o seu funcionamento e poñendo en marcha accións que dean maior visibilidade o dereito da xuventude a ser escoitada. Algo que, recalcou, é fundamental á hora de tomar decisións na xestión pública que deben velar tamén polos intereses dos máis novos.
Nesta liña, o director xeral agradeceu o labor que desenvolven os membros do CAIA ao trasladar aos servidores públicos as necesidades e demandas da infancia galega sobre temas tan complexos como a educación, a protección do medio ambiente ou a loita contra a violencia de xénero. Todo iso, dixo, demostra que os nenos e adolescentes tamén son conscientes dos temas que afectan á cidadanía e, sobre todo, que teñen moito que achegar.
Así pois, Jacobo Rey reafirmou o compromiso da Xunta coa participación social e activa da infancia e da adolescencia para seguir cumprindo os seus dereitos e avanzando nun exercicio de cogobernanza. Por iso, explicou que o Goberno galego vai seguir impulsando as estruturas bidireccionais, que lles permitan ser escoitados, e dar cada vez máis pasos na súa integración á xestión pública.