Nova
A Xunta apoia as iniciativas que promoven a participación social e a vida activa dos maiores con discapacidade
Antón Acevedo agradeceu o respaldo das entidades sociais que contribúen a fomentar o envellecemento activo e garantir a integración das persoas maiores en todos os eidos
A Arnoia (Ourense), 3 de maio do 2026
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou na X Convivencia de persoas maiores xordas que organiza a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg). Durante o encontro, destacou o apoio e a colaboración da Xunta a estas iniciativas que son esenciais para promover a participación social dos maiores con discapacidade.
Antón Acevedo sinalou que é fundamental contar con accións coma esta convivencia que dean visibilidade ás necesidades dos maiores con discapacidade e que fomenten, ao mesmo tempo, a súa integración na comunidade. Deste xeito, agradeceu a Faxpg o seu incansable traballo reivindicando os dereitos das persoas xordas e con discapacidade auditiva e contribuíndo sempre a mellorar a súa calidade de vida.
Neste sentido, trasladou novamente o compromiso da Xunta con todas as entidades sociais para seguir prestando a todos os maiores unha atención de calidade. Do mesmo xeito, lembrou que o Goberno galego e o tecido social traballan da man na promoción do envellecemento activo e saudable para seguir consolidándoo como eixo principal do modelo de coidados da comunidade.