Nova

Martina Aneiros destaca o valor do deporte como ferramenta de inclusión


Ferrol, 3 de xuño de 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do 28º Maratón Autonómico Urbano Special Olympics Galicia Ferrol 2026, unha cita que converterá a cidade nun centro do deporte inclusivo e da igualdade de oportunidades. Na súa intervención, puxo en valor o compromiso da Administración autonómica co deporte como ferramenta de integración e co traballo das entidades sociais que acompañan ás persoas con discapacidade intelectual.

A responsable autonómica destacou a capacidade do deporte para construír “unha sociedade máis aberta, máis xusta e máis consciente da diversidade”. Aneiros incidiu tamén no labor das entidades organizadoras e colaboradoras, así como no papel do voluntariado, das familias e dos profesionais que fan posible este tipo de iniciativas.

O maratón, organizado por Special Olympics Galicia coa colaboración do Concello de Ferrol, FADEMGA Plena Inclusión Galicia e a Asociación Nuestra Señora de Chamorro,  celebrarase o sábado 6 de xuño en Ferrol a partir das 10:45. O evento reunirá a 101 deportistas con discapacidade intelectual procedentes de 10 entidades sociais de toda Galicia, acompañados por 25 adestradores. A proba desenvolverase en diferentes distancias e contará ademais co recoñecemento ás boas prácticas no deporte.