Nova

A Xunta amosa o seu compromiso coa promoción da igualdade das mulleres xitanas

O Goberno galego segue a premisa de que o crecemento da comunidade ten que producirse de forma inclusiva

Galicia foi a primeira comunidade en contar cunha estratexia de inclusión específica para a poboación xitana


Madrid, 3 de maio de 2026

A promoción das mulleres xitanas é un dos ámbitos en materia de igualdade nos que a Xunta amosa o seu compromiso, tal como indicou o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, no acto polo décimo aniversario do programa Calí que desenvolve a Fundación Secretariado Xitano.

Na súa intervención, Arturo Parrado destacou que o Goberno galego traballa a cohesión social coa premisa de que “o crecemento e desenvolvemento da comunidade prodúcese de forma inclusiva”, condición que garante a Estratexia de inclusión social Galicia 2023-2030. No caso da poboación xitana, lembrou, Galicia foi a primeira comunidade en contar cunha estratexia específica, que foi renovada en 2025 con horizonte 2030.

Este inclúe actuacións que abordan desigualdades dende eidos como educación, emprego, sanidade ou vivenda e nas que un dos eixos é “promover a equivalencia de oportunidades entre homes e mulleres”, segundo indicou o director xeral. Medidas que aborda o programa Calí, que apoia a Xunta desde o ano 2019 e que se desenvolve en cinco cidades galegas. Arturo Parrado remarcou que Calí é “dos programas que transforman, constrúen igualdade e avanzan camiño cara unha sociedade máis xusta, igualitaria e inclusiva”, motivos que levaron a que a Xunta o recoñecese coa medalla Emilia Pardo Bazán.

O director xeral de Inclusión Social lembrou que o Goberno autonómico valora o labor de todos os axentes que traballan pola promoción da poboación xitana e que busca de forma permanente fortalecer a colaboración con eles.