Nova
Fabiola García pon en valor a atención personalizada que ofrece o centro de día de alzhéimer de AFA Chantada
A entidade proporciona un servicio profesional, especializado e de calidade aos seus 15 usuarios e ás súas familias
A Xunta destinou nos últimos dous anos máis de 1,3 millóns de euros ás institucións para persoas con alzhéimer de Galicia
Chantada (Lugo), 2 de xuño de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá a atención personalizada e integral que ofrece o centro de día Marita Otero para persoas con alzhéimer da Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas (AFA) de Chantada, que conta con quince usuarios e máis de dúas décadas de actividade.
Fabiola García destacou este servizo como fundamental, ao proporcionar unha atención profesional, especializada e de calidade ás persoas que padecen esta doenza e ao supoñer, ademais, un importante apoio para as súas familias en aspectos como a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. No percorrido polas instalacións, no que estivo acompañada do alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, do presidente da Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias, César Bugallo, e do presidente de AFA Chantada, Enrique Rojo, a conselleira remarcou que a Xunta investiu 266.000 euros na creación deste recurso. Neste sentido, reiterou que a Administración autonómica ten sempre a man tendida a todas as entidades que, como AFA Chantada, buscan mellorar o día a día das persoas que máis o precisan.
Deste xeito, lembrou que nos dous últimos anos o Executivo galego destinou máis de 1,3 millóns de euros ás entidades de alzhéimer de Galicia para que poidan desenvolver proxectos de mellora das súas instalacións. Entidades que, recalcou a conselleira, son fundamentais para estender a rede de atención pública a persoas con esta doenza, que xa dispón de 560 prazas totalmente gratuítas en toda a comunidade.