Nova
Fabiola García destaca o investimento de 50.000€ da Xunta na súa escola infantil en Chantada para dotala dun servizo de cociña propio
Lembrou que o prazo para formalizar a matrícula nos centros de educación infantil 0-3 públicos autonómicos está aberto ata o vindeiro 12 de xuño
O curso 2026/2027 será o 5º no que todas as prazas 0-3 serán 100% gratuítas para as familias galegas, grazas ao investimento de 68M€ de fondos propios
Tamén visitou aos usuarios do centro de día público e avanzoulles que o Goberno galego financiará novas obras de mellora nas instalacións
Chantada (Lugo), 2 de xuño do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a escola infantil pública autonómica de Chantada para avaliar o resultado das obras realizadas nos últimos meses. Tal e como sinalou, estas actuacións, nas que a Xunta investiu 50.000 euros, permitiron dotar este centro de educación 0-3 dunha cociña propia nas instalacións.
Na visita, na que tamén estivo acompañada do alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, e do xerente do Consorcio de Servizos Galegos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, a conselleira tamén puxo en valor os investimentos da Xunta neste centro realizados nos últimos anos. Así, explicou que, nunha das últimas reformas, ampliouse o número de unidades desta escola infantil para ampliar as prazas ata as 71 que hai na actualidade.
Ademais, Fabiola García aproveitou a ocasión para lembrar a todas as familias que a Xunta mantén aberto ata o vindeiro venres, 12 de xuño, o prazo para formalizar a matrícula nas escolas infantís públicas autonómicas. Deste xeito, fixo fincapé en que o vindeiro curso 2026/2027 será o 5º no que todas as prazas de educación 0-3 serán 100% de balde. Trátase, segundo recordou, dunha medida pioneira do Goberno galego que beneficia a 32.000 familias e permítelles aforrar ata 4.000 euros ao ano. Grazas a isto, salientou, Galicia é a comunidade coa taxa de escolarización máis alta do país nesta etapa, cunha ratio do 65%, o que supón 15 puntos máis que a media nacional.
Visita ao centro de día
A conselleira tamén visitou os usuarios do centro de día público autonómico de Chantada, un recurso que presta atención diúrna especializada a 40 maiores da contorna. Durante o encontro, avanzou que a Xunta financiará novas melloras neste recurso ao longo deste ano e que permitirán instalar toldos nos exteriores e cambiar o mobiliario.