Nova
A Xunta abre a partición pública para crear o primeiro Consello galego de persoas maiores
O Consello da Xunta autorizou esta semana a tramitación do anteproxecto polo que se regula este órgano colexiado de carácter consultivo e de participación
A previsión é que este organismo estea plenamente operativo este mesmo ano
Entre os seus obxectivos están o fomento do envellecemento activo, da solidariedade interxeracional, da accesibilidade e da igualdade de xénero
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2026
As persoas e as entidades que o desexen xa poden presentar as súas propostas e achegas ao que será o primeiro Consello Galego de Persoas Maiores, órgano colexiado de carácter consultivo, de participación e de asesoramento nas materias que afecten a este colectivo. A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha o procedemento de participación pública, que estará aberto ata o vindeiro 9 de xuño, e as achegas poden formalizarse no Portal de Transparencia da Xunta.
O Consello da Xunta autorizou esta semana a tramitación do anteproxecto de decreto polo que se crea e regula este consello asesor, a través do cal poderanse analizar propostas, coñecer proxectos e actuacións que afecten ás persoas maiores, así como promover estudios e iniciativas e reforzar a colaboración institucional. Entre os seus obxectivos estará fomentar o envellecemento activo, a solidariedade interxeracional, a accesibilidade, a igualdade entre mulleres e homes, a transparencia e a representatividade no deseño e seguimento das políticas públicas dirixidas ás persoas maiores.
Outra das funcións deste Consello será a elaboración do que será o primeiro Estatuto das Persoas Maiores, co que Galicia será de novo pioneira en España ao dotarse dun marco legal deste tipo para garantirlles aspectos elementais como a protección dos seus dereitos e a súa dignidade.
A previsión é que o Consello Galego de Persoas Maiores estea plenamente operativo este mesmo ano. Este organismo contará con representantes da Administración autonómica, dos centros residenciais, dos usuarios dos centros sociocomunitarios, das asociacións e federacións das persoas maiores, das deputacións provinciais e das universidades galegas.