Nova
A Xunta apoia con 855.000 euros o traballo das entidades de iniciativa social contra a trata e a explotación sexual
A resolución de entidades beneficiarias desta orde de axudas está publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado xoves
Fináncianse programas de atención e apoio integral ás vítimas, así como proxectos de información, prevención e sensibilización
Santiago de Compostela, 31 de maio de 2026
A Xunta de Galicia resolveu esta semana a orde de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que actúan contra a explotación sexual e situacións de trata. Unha vintena de entidades beneficiaranse destas subvencións que suman un total de 855.000 euros. O listado completo das entidades que recibirán esta achega está publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado xoves.
A través desta orde de achegas, o Executivo autonómico financia programas de atención e apoio integral ás vítimas, así como proxectos de información, prevención e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual e laboral. Esta convocatoria de subvencións está financiada en parte pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
II Plan galego contra a trata
A Xunta aprobou a principios deste mes de maio o II Plan galego contra a trata para o período 2026-2029, cun orzamento de máis de 10 millóns de euros. A diferencia do primeiro, este ten un tempo de vixencia máis amplo –catro anos en lugar de tres– e está dotado de tres millóns de euros máis que o anterior. Ademais, presta especial atención ás vítimas máis vulnerables, como as mulleres e as nenas con discapacidade.
O Plan contempla cinco áreas estratéxicas de acción: a sensibilización; a identificación, derivación, protección, asistencia e recuperación das vítimas; a formación e a mellora da capacitación profesional; a coordinación institucional e social, e a investigación.