Nova

Fabiola García destaca que a futura Lei Galega de Infancia e Adolescencia dará prioridade ás familias acolledoras no proceso de adopción

A Xunta está avaliando actualmente as máis de 100 achegas recibidas no procedemento de consulta pública deste texto

A conselleira destaca que Galicia mantense como a segunda comunidade autónoma con mellores ratios de acollemento familiar

Reforzo do apoio ás familias acolledoras a través da suba das compensacións económicas, facilidades no acceso ás escolas infantís ou deducións fiscais


Santiago de Compostela, 29 de maio do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta mañá unha reunión coa directora da Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo), Carmen Dourado, para avaliar a situación do acollemento familiar en Galicia. Neste encontro, a conselleira avanzou que a Xunta está avaliando ás máis de 100 achegas recibidas no procedemento de consulta pública da que será a primeira Lei Galega de Infancia e Adolescencia, unha norma que terá como obxectivo potenciar o acollemento familiar como fórmula prioritaria de protección dun neno ou adolescente cando non pode vivir coa súa familia.

A reunión tamén coincide coa celebración este domingo, 31 de maio, do Día Mundial do Acollemento Familiar, unha data que busca dar visibilidade á importancia de garantir que nenos, nenas e adolescentes poidan medrar nun entorno familiar estable e con apoio afectivo.

En relación á futura lei de Infancia, Fabiola García destacou que este texto regulará, por vez primeira, a dobre valoración das familias para o acollemento e a adopción, unha demanda histórica das familias acolledoras. Isto abre a posibilidade de que un neno que vive en acollemento familiar poida permanecer nesa mesma familia se o persoal técnico da Xunta decide que o menor pase a adopción.

Desta maneira, dáse prioridade a que o neno permaneza coa familia acolledora, favorecendo a súa continuidade na mesma contorna e evitando novas rupturas de vínculos. Ata o de agora, isto non estaba permitido, xa que o acollemento e a adopción eran procedementos independentes e non se podía pasar dun a outro. Así mesmo, a Lei tamén recollerá a creación dun rexistro de familias acolledoras e adoptivas, para mellorar o control e o manexo dos datos destas familias.

Ratios de acollemento

Durante o encontro, a conselleira e a directora de Acougo tamén avaliaron a situación do acollemento familiar en Galicia, que se mantén como a segunda comunidade autónoma con mellores ratios, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Xuventude e Infancia. Fabiola García lembrou que, do total de nenos e adolescentes do sistema de protección cuxa garda é asumida pola Xunta, case o 60% están en acollemento familiar, residindo cunha familia.

Sobre esta cuestión, a conselleira destacou que o obxectivo da Xunta de Galicia é “seguir mellorando progresivamente estes indicadores e facelo sempre en colaboración e da man das entidades”. Por iso, recalcou que o Goberno galego escoita as demandas das familias acolledoras para seguir mellorando a súa situación e reforzando o seu labor.

Neste sentido, a conselleira detallou algunhas das medidas da Xunta nos últimos anos apoiar o acollemento. Entre elas, destacou o incremento das compensacións económicas mensuais que reciben o 100% destas familias; as facilidades no eido educativo (como prioridade nas escolas infantís, axudas para libros de texto ou comedores); a creación dun programa de acollemento especializado da man de Aldeas Infantiles, a ampliación das familias que poden solicitar o título de familia numerosa (cando o acollemento supera os 12 meses) ou a ampliación das deducións fiscais no IRPF por acollemento familiar.