Nova

A Xunta reforza a súa colaboración coa Faxpg cunha achega de preto dun millón de euros para este ano

A conselleira de Política Social e Igualdade mantivo unha xuntanza coa presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para avaliar o novo convenio 

O acordo ten como obxectivo financiar servizos especializados para persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva residentes en Galicia


Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá coa presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), María Alonso, para avaliar o novo convenio de colaboración asinado entre ambas institucións, que para este ano 2026 contempla unha achega por parte da Xunta de máis de 900.000 euros.

O acordo ten como obxectivo financiar servizos especializados para persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva residentes en Galicia destinados a favorecer o seu desenvolvemento e autonomía persoal, eliminar as barreiras de comunicación que atopan, incrementar a súas oportunidades de formación e fomentar unha estrutura asociativa que sirva como ferramenta de defensa dos intereses do colectivo.

Deste xeito, entre as actuacións subvencionables destacan os servizos de intervención social, de interpretación en lingua de signos e para persoas xordocegas e de formación, orientación educativa e apoio ás familias.

Tras a reunión, a conselleira destacou que o Executivo galego reforza a súa colaboración coa Faxpg a través deste novo convenio e lembrou que, só no último ano, a maiores do acordo anual, destinou máis de medio millón de euros en liñas de axudas para o impulso de programas e iniciativas destinados a garantir a plena inclusión das persoas con discapacidade auditiva.