Nova
A Xunta mantén unha reunión coa presidenta de West Galicia para seguir impulsando medidas inclusivas e adaptadas ás nenas e nenos con esta doenza
A delegada da Xunta destacou a colaboración da Xunta de Galicia con West Galicia a través de iniciativas como os campamentos en centros educativos, que facilitan que os nenos e nenas con discapacidade poidan desfrutar dunha maior oferta de actividades de verán adaptadas ás súas necesidades.
A Coruña, 14 de maio de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Santiago Freire, reuniuse coa presidenta da asociación West Galicia, Carmen Blach, nun encontro no que puido coñecer de primeira man o traballo que desenvolve esta entidade en apoio ás familias de nenas e nenos afectados pola síndrome de West e outras encefalopatías epilépticas.Esta entidade conta con 376 socios.
West Galicia é unha asociación formada por familias con intereses, necesidades e preocupacións comúns, especialmente relacionadas co diagnóstico precoz, os tratamentos especializados e as terapias de longa duración que precisan os menores afectados por esta doenza. A entidade traballa tamén para mellorar a calidade de vida das familias, apostando pola investigación, a formación, os tratamentos innovadores e a xenética.
Durante a reunión, a representante autonómica puxo en valor o importante labor social e asistencial que desenvolve a asociación en toda Galicia, ofrecendo apoio non só aos nenos e nenas da Coruña, senón tamén ás familias do conxunto da comunidade.
A delegada destacou ademais a colaboración da Xunta de Galicia con West Galicia, e trasladoulle o compromiso de seguir colaborando coas actividades desta entidade, a través de iniciativas como os campamentos en centros educativos (por sexto ano consecutivo), que facilitan que os nenos e nenas con discapacidade poidan desfrutar dunha maior oferta de actividades de verán adaptadas ás súas necesidades.Este ano estas actividades realizaránse no CEIP CURROS ENRIQUEZ, de 8.30h a 15.30h, con 220 prazas entre o 22 de xuño e principios de setembro.
Neste sentido, subliñou que grazas ao apoio do tecido asociativo e aos campamentos impulsados pola Xunta de Galicia para persoas con discapacidade, cada vez son máis as persoas que poden participar en actividades inclusivas e adaptadas durante o período estival.
A síndrome de West, tamén coñecida como espasmos infantís, é un tipo de epilepsia que afecta principalmente a menores dun ano e que require unha atención especializada e continuada tanto para os pacientes como para as súas familias.