Nova
A Xunta pon en valor os espazos de diálogo entre profesionais e entidades para abordar as necesidades das persoas con alzhéimer
Antón Acevedo explicou que o Goberno galego conta cunha das maiores redes de atención pública para as persoas con esta doenza, que suma 560 prazas
Pontevedra, 9 de maio do 2026
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu esta mañá á inauguración das XXIV Xornadas Interdisciplinares da Federación de Alzhéimer de Galicia (Fagal). Neste sentido, explicou que este encontro é xa un referente entre os profesionais e converteuse nun espazo de diálogo esencial para abordar as necesidades das persoas que sofren esta doenza.
Antón Acevedo sinalou que é fundamental seguir apostando polo traballo entre as administracións e as entidades para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias. Así, recalcou que o alzheimer é unha enfermidade que non só afecta á persoa que a sofre, senón que deixa unha importante pegada na súa contorna, especialmente, nos coidadores.
Por iso, explicou que o Goberno galego impulsou nos últimos anos unha rede pública de atención ás persoas con alzheimer pioneira no conxunto do país, con 560 prazas. Neste sentido, puxo en valor o importante papel de todo o tecido asociativo, como as entidades que conforman Fagal, que axudan a que o esforzo da Xunta chegue a todas as persoas que o precisan. Así, reivindicou que o seu labor é fundamental para as familias e para seguir avanzando en melloras para todos os doentes.