Nova

A Xunta destaca o labor da Unidade de Atención Temperá de Mondoñedo, que presta servizo a preto dun cento de familias

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, lembrou que este recurso atende a nenos e nenas de entre 0 e 6 anos dunha decena de concellos próximos


Mondoñedo (Lugo), 9 de maio de 2026

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na inauguración das III Xornadas de Atención Temperá do concello de Mondoñedo. Durante o acto, puxo en valor o labor deste servizo que atende a preto dun cento de nenos e nenas de entre 0 a 6 anos con problemas de desenvolvemento de xeito totalmente gratuíto.

Neste sentido, explicou que esta unidade de Mondoñedo é esencial para este municipio e tamén para os da contorna, prestando un servizo esencial en ata outros nove concellos lindeiros: Abadín, Barreiros, Lourenzá, Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Trabada, Meira e Pol. Deste xeito, lembrou que a Xunta inviste 183.000 euros cada ano para garantir o seu funcionamento e consolidar este recurso fundamental para preto de cen familias.

Jacobo Rey tamén puxo en valor o compromiso do Concello de Mondoñedo e do persoal desta unidade por impulsar espazos de diálogo coma estas xornadas, que serven de punto de encontro para moitos profesionais e tamén familias que queren intercambiar experiencias e seguir mellorando a calidade de vida dos nenos e nenas. Por iso, trasladou o compromiso da Xunta coa atención á infancia e o importante esforzo realizado nos últimos anos, que permitiu pasar de dúas unidades de atención temperá no 2009 ás preto de 60 que hai hoxe en funcionamento en Galicia.