Nova

A Xunta colabora co Concello de Sanxenxo na elaboración dun estudo pioneiro sobre a saúde, autonomía e benestar social dos maiores do municipio

A conselleira define a Sanxenxo como “referente no estudo da calidade de vida das persoas maiores”, ao apostar por un envellecemento activo, saudable e participativo

O proxecto busca obter unha radiografía real da situación da poboación maior de 65 anos, co obxectivo de promover políticas e programas orientados ao envellecemento activo e saudable


Sanxenxo (Pontevedra), 8 de maio de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, situou a Sanxenxo como “referente no estudo do benestar e a calidade de vida das persoas maiores”, ao apostar, segundo explicou, por un modelo de envellecemento máis activo, saudable e participativo. Así o destacou esta mañá na presentación do estudo sobre a poboación maior que o Concello elaborará en colaboración coa Xunta e a Universidade de Vigo e na que tamén participou o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.

Na súa intervención, Fabiola García felicitou ao Concello de Sanxenxo por impulsar “una iniciativa única en Galicia”, que lle permitirá “debuxar unha foto fixa sobre a poboación maior do Concello, axudando a deseñar as políticas e os servizos municipais”. A conselleira incidiu en que analizar o estado físico, cognitivo e social dos maiores “non só nos permite entender mellor as súas necesidades reais, senón que tamén nos permite deseñar estratexias máis eficaces para mellorar a súa calidade de vida”.

Ademais, a conselleira fixo fincapé na aposta da Xunta polo envellecemento activo, con programas como Benestar en Balnearios, as iniciativas deseñadas en colaboración coas universidades, as Aulas Sénior, o programa Xuntos polo Nadal ou o Carné+65. Por iso, Fabiola García apostou por aproveitar a maior esperanza de vida que rexistra a comunidade galega “como unha oportunidade para seguir deseñando unha Galicia Calidade, que sexa sinónimo de calidade de vida e calidade humana”.

Análise das sete parroquias do concello

Tal e como se explicou na presentación celebrada hoxe, o Concello de Sanxenxo porá en marcha un estudo para analizar o perfil físico, funcional, cognitivo e social das persoas maiores de 65 anos residentes nas sete parroquias do municipio (Noalla, Villalonga, Adina, Nantes, Padriñán, Bordones e Dorrón). Este proxecto busca obter unha radiografía real da situación da poboación maior de 65 anos co obxectivo de promover políticas e programas orientados ao envellecemento activo e saudable.

A investigación permitirá avaliar aspectos relacionados coa condición física, a autonomía funcional, o estado cognitivo e afectivo, así como a contorna social das persoas participantes, prestando especial atención a posibles situacións de illamento ou soidade non desexada.

O estudo contempla distintas fases de traballo, desde a análise demográfica e territorial das parroquias ata a elaboración dun protocolo de avaliación específico adaptado á poboación maior. Posteriormente, realizarase unha recollida de datos en todo o municipio e desenvolverase unha aplicación web que permitirá a cada participante consultar os seus resultados e comparalos con persoas de características similares.