Nova
A Xunta aposta pola formación continua no ámbito da atención a nenos con problemas de desenvolvemento
Na actualidade, Galicia ten en funcionamento máis de 50 unidades que dan cobertura a 200 concellos
Santiago de Compostela, 8 de maio do 2026
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou esta mañá a necesidade de seguir reforzando a formación continua dos profesionais que traballan con nenos entre os 0 e os 6 anos de idade con problemas de desenvolvemento. Díxoo na inauguración da cuarta Xornada de presentación do programa de formación intraservizos para o persoal técnico da Rede galega de atención temperá, organizada por AGAT no Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi).
Jacobo Rey destacou a importancia destas xornadas para que os profesionais adquiran ferramentas e recursos que faciliten a comprensión, acompañamento e a intervención con cada neno. Así mesmo, puxo en valor o crecemento que está a ter nos últimos anos o sistema de atención temperá en Galicia, que pasou de contar con dúas unidades en funcionamento no 2009 a máis de 50 na actualidade, que dan cobertura a 200 concellos. A estas unidades hai que sumar, ademais, os servizos de atención temperá que hai nos principais hospitais e os equipos de orientación específicos de Educación.
Por último, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, agradeceu aos profesionais a súa dedicación e traballo coas familias que levan aos seus fillos a unha unidade de atención temperá.