Nova
Fabiola García acusa ao Goberno central de deixar a Galicia sen os fondos comprometidos para financiar a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos
Denuncia a inexistencia dos 175 millóns de euros anunciados hai un ano na Conferencia de Presidentes
Lembra que a Xunta destina 68 millóns de euros de fondos propios á gratuidade de todas as escolas infantís, sexan públicas, de iniciativa social ou privadas
Salienta que Galicia ten a taxa de escolarización máis alta de España, cun 65%, máis de 15 puntos por riba da media nacional
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acusou hoxe ao Goberno central de deixar ás comunidades autónomas sen os fondos europeos que anunciou hai case un ano para o financiamento da gratuidade da educación infantil. Fíxoo en resposta a unha pregunta oral no Pleno do Parlamento de Galicia, na que lamentou a falta de apoio do Executivo central a esta medida, na que Galicia foi pioneira e segue sendo a única comunidade onde se aplica en todas as escolas infantís (as públicas, as de iniciativa social e as privadas) oito horas ao día e once meses ao ano.
Fabiola García lembrou que na Conferencia de Presidentes de xuño de 2025 o Goberno central comprometeu ás comunidades autónomas 175 millóns de euros de fondos europeos para financiar a gratuidade da educación de 0 a 3 anos. Ao respecto, explicou que este diñeiro é a repartir en tres anos entre todas as comunidades, é dicir, 58 millóns de euros por exercicio. Isto supón que o Executivo central pretende destinar anualmente á gratuidade en toda España menos do que gasta a Xunta no seu programa: 68 millóns de euros de fondos propios.
De todas formas, a conselleira sinalou que, de momento, este anuncio de fondos, “é todo fume”, xa que “aínda non recibimos nin un euro e tampouco sabemos canto recibirá cada comunidade nin cando chegarán efectivamente eses fondos”. Ante esta situación, insistiu en reclamar ao Executivo central o financiamento comprometido, así como que concrete cantos fondos lle corresponden a Galicia e cando chegarán. Unha demanda que Fabiola García xa trasladou por carta hai dúas semanas á ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Milagros Tolón.
Na súa intervención, a conselleira destacou o éxito que ten en Galicia a implantación da gratuidade en todas as escolas infantís e para o 100 % do alumnado, que fai que a nosa comunidade sexa líder na taxa de escolarización 0-3 cun 65%, máis de 15 puntos por riba da media estatal. Así mesmo, lembrou que esta medida beneficia a 32.000 familias galegas, que non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, e pola que se aforran mais de 4.000 euros.
Plan de residencias e centro de día de Teis
Durante a sesión plenaria, Fabiola García tamén respondeu a outras dúas cuestión relacionadas coa atención aos maiores: o novo Plan de residencias da Xunta e a situación do centro de día Atalaia, situado no barrio vigués de Teis.
Ao respecto do Plan de residencias, Fabiola García explicou que o Goberno galego impulsará 1.800 novas prazas e 24 centros en concellos de menos de 50.000 habitantes. Polo momento, non están determinados os emprazamentos destes novos recursos, xa que se están avaliando todas as posibilidades atendendo a criterios técnicos e obxectivos.
No que atinxe ao centro de día de Teis, a conselleira sinalou que a Xunta xa se ten dirixido ao Concello de Vigo, propietario do inmoble, para que con urxencia faga as obras necesarias. Neste sentido, explicou que a Xunta ten a cesión de uso do inmoble desde 2007 e asume os gastos de mantemento ordinario e de pequenas reparacións interiores pero que, neste caso, é precisa unha reforma estrutural que mellore a eficiencia enerxética e o illamento térmico do edificio. Precisamente, por ser unha infraestrutura de titularidade municipal, estas obras soamente pode asumilas o Concello.