Nova
A Xunta incrementa o seu apoio a Ategal para impulsar actividades de envellecemento activo a través dun convenio de 210.000€
Fabiola García explicou que a colaboración co tecido social é fundamental para estender estas iniciativas e facilitar que cheguen a todos os maiores
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, estivo esta mañá cun grupo de maiores que participaba nunha xornada de actividades da Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal). No encontro, no que estivo acompañada polo presidente da entidade, Ángel Fagilde, e a directora, Paula Sande, ratificou o compromiso da Xunta coa organización incrementando ata 210.000 euros a colaboración anual, un 5% máis que o ano pasado.
Fabiola García acompañou a varios dos participantes nunha camiñada pola zona histórica de Santiago na ruta das Sete Portas e, posteriormente, nas clases de pintura, ioga e informática, que se desenvolven na sede de Ategal. Estas son algunhas das iniciativas que forman parte do programa de actividades que organiza a entidade para fomentar a participación activa dos maiores e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia.
Neste sentido, explicou que o envellecemento activo é un dos piares do modelo de coidados do Goberno galego, polo que é indispensable o traballo conxunto co tecido social para estender estas iniciativas a toda a poboación.
Na visita, a conselleira tamén puxo en valor o indispensable traballo que leva desenvolvendo Ategal desde hai máis de 40 anos promovendo iniciativas de formación como as Aulas Sénior, fomentando a vida activa dos maiores e facilitando que poidan desfrutar desta etapa das súas vidas sen renunciar a nada.