Nova

Reguera visita en Vilagarcía de Arousa dúas das empresas beneficiadas polas axudas Emega ao emprendemento feminino

O delegado visitou as instalacións de Gemini Arousa e Que Bonito Vilagarcía, que se beneficiaron destas axudas pola contratación de unha persoa por conta propia e outra por conta allea con carácter indefinido

Este programa beneficiou máis de 400 empresas de toda Galicia cun investimento de máis de 5 millóns de euros


Poio (Pontevedra), 4 de maio de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións das empresas Gemini Arousa e Que Bonito Vilagarcía, ambas no concello de Vilagarcía de Arousa, para dar conta das  axudas do programa Emega de fomento do emprendemento feminino. En concreto, estes establecementos beneficiaronse desta liña de subvencións con achegas de 19.000 e 16.000 euros respectivamente.  

Estas axudas permitiron apoiar a posta en marcha e consolidación destes negocio grazas á contratación dunha persoa por conta propia e outra persoa por conta allea con carácter indefinido en cada un deles, favorecendo así a creación de emprego estable e o impulso do tecido empresarial local.

Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia deste tipo de programas para apoiar o talento emprendedor das mulleres e fomentar a igualdade de oportunidades no ámbito laboral e empresarial.  

A convocatoria destas axudas resolveuse no mes de novembro de 2025 e permitiu apoiar  máis de 400 iniciativas empresariais en toda Galicia, cun investimento global superior aos 5 millóns de euros.

Programa Emega

O programa Emega está impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar o emprendemento feminino e favorecer a creación e consolidación de proxectos empresariais liderados por mulleres. A través desta liña de axudas apóiase a posta en marcha de novos negocios, a xeración de emprego e o fortalecemento do tecido empresarial feminino en Galicia.