Nova
Fabiola García finaliza a súa viaxe institucional na América Latina cun gran encontro coa comunidade galega da Arxentina
Destacou as iniciativas pioneiras creadas para facilitar a conciliación familiar e que sitúan a comunidade como referente nesta materia
Tamén puxo en valor o modelo de coidados e atención dos maiores que se centra en ofrecer recursos adaptados as súas necesidades e facilitando que poidan vivir nos seus fogares sen renunciar a unha atención de calidade
No encontro tamén participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que, a través dun vídeo, agradeceu a toda a comunidade galega no exterior o seu esforzo para manter vivos os vínculos con Galicia
Bos Aires (Arxentina), 2 de maio do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, pon fin a viaxe institucional de cinco día por América Latina cun encontro festivo con medio milleiro de galegos da Arxentina, no que agradeceu o bo recibimento por parte de todas as entidades e salientou o labor que realizan. Nesta xuntanza, tamén participou o presidente da Xunta, a través dun vídeo, no que agradeceu a toda a colectividade o seu esforzo por manter vivos os vínculos coa que é “ e sempre será, a súa casa”.
Neste encontro, no que tamén participou o delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López, Fabiola García aproveitou reivindicar que “Galicia é o mellor lugar do mundo para vivir”, un feito que constatan as medidas pioneiras do Goberno galego pensadas e impulsadas para todas as familias e que tivo ocasión de trasladar a toda a comunidade galega.
A conselleira recordou que unha das prioridades da Xunta é ofrecer facilidades a todas as familias, as que xa residen e as que queren iniciar os seus proxectos de vida na comunidade, e que se traduce en iniciativas como a gratuidade da educación infantil. Así pois, explicou que Galicia é o único territorio de España que ofrece educación 0-3 de balde para todas as familias e en todas as escolas. Isto, segundo explicou, permitiu acadar a ratio máis alta de escolarización do país, con cifras superiores as de moitos países nórdicos.
Esta iniciativa compleméntase, segundo trasladou, con outras como o Bono Concilia Familia que é, precisamente, unha achega económica para facilitar a conciliación nos períodos non lectivos e que permite sufragar parte dos custos de servizos como as ludotecas ou coidadores a domicilio.
Nesta liña, a conselleira tamén puxo en valor a atención aos maiores da comunidade e que cobra especial importancia ante o aumento das esperanza de vida e o consecuente aumento da lonxevidade. Este é, segundo explicou, un dos maiores retos do Goberno galego, polo que nos últimos anos se reforzaron as iniciativas de envellecemento activo para que os maiores poidan gozar deste etapa das súas vidas sen renunciar a nada. Así, fixo referencia ó Carné +65, que poderán utilizar tamén os galegos emigrados cando estean en Galicia; ou o Bono Coidado no Fogar, unha prestación económica de 5.000 euros ó ano para aqueles dependentes que queren ser atendidos no seu entorno, sen renunciar a vivir nas súas casas.
Fin da viaxe institucional
A conselleira iniciaba o martes a súa viaxe de traballo pola Arxentina e o Uruguai para manter unha rolda de contacto con expertos en políticas sociais e sénior, así como para reunirse con toda a colectividade galega. Neste sentido, Fabiola García fai un balance “moi positivo destes días” que permitiron “reivindicar e poñer en valor todo o traballo da Xunta para as familias e os maiores” e, sobre todo, ver “ a boa acollida das nosas iniciativas”. Por iso, reivindicou que “esta viaxe é un motivo máis para seguir traballando nesta liña e construíndo unha Galicia Calidade referente no mundo”.