Nova
Fabiola García reúnese coa comunidade galega no Uruguai e agradece o seu esforzo por manter vivos os vínculos con Galicia
Durante a audiencia presentou as Estratexias contra a Soidade non Desexada e o Idadismo elaboradas pola Xunta para combater estas situacións e mellorar o benestar social
Montevideo (Uruguai), 30 de abril do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, aproveitou o último día da viaxe no Uruguai para reunirse cos maiores galegos do centro residencial Hogar Español de Montevideo. Neste encontro cos usuarios e as súas familias trasladou algunhas das medidas que está desenvolvendo a Xunta na atención ós maiores e no fomento da conciliación familiar.
Durante o almorzo coas familias, no que estivo acompañada da delegada da Xunta neste país, Elvira Domíguez, aproveitou para poñer en valor o labor e o traballo de toda a comunidade galega no Uruguai para manter vivos os vínculos e os lazos co territorio. Por iso, trasladoulle o agradecemento de toda a Xunta por ser “os mellores embaixadores no país da nosa comunidade”, ao tempo que lles lembrou que “Galicia segue sendo a súa casa”.
Ademais deste encontro, a conselleira tamén se achegou ó Centro Gallego Pontevedrés, un dos máis representativos da colectividade no Uruguai, e onde foi convidada a participar na tradicional cea semanal que organizan os seus socios; así como a asinar no libro de honra desta comunidade.
Rolda de contactos co sector sénior
Nesta segunda xornada no Uruguai, continuou a rolda de contactos con expertos do sector sénior. En concreto, reuniuse co presidente da Fundación Astur, Enrique Iglesias, ao que lle presentou as medidas da Xunta para potenciar o envellecemento activo e a participación social e activa dos maiores.
Na xuntanza, a conselleira reivindicou o compromiso do Goberno galego cunha atención de calidade aos maiores, impulsando recursos e iniciativas pensadas e adaptadas as necesidades da poboación e as particularidades do territorio. Así pois, explicou que Galicia afronta diferentes retos ante o aumento da esperanza de vida e a dispersión poboacional da comunidade.
Así mesmo, a conselleira explicou que a Xunta leva tempo traballando da man do sector asociativo para impulsar medidas específicas que contribúan a mellorar a calidade de vida dos maiores. Neste sentido, lembrou que o Executivo galego puxo en marcha o pasado ano dúas Estratexias pioneiras para combater a soidade non desexada e o idadismo, que se dá principalmente entre as persoas maiores.
Fabiola García amosouse satisfeita polo recoñecemento que están recibindo as medidas da Xunta en materia de maiores por expertos como Enrique Iglesias, un referente do sector sénior e a promoción do envellecemento activo na América Latina. Deste xeito, recalcou que “é un orgullo para todo o Goberno galego ver a boa acollida destas iniciativas”, algo que, segundo expuxo “ nos anima a seguir traballando nesta liña”.