Nova

Fabiola García enxalza “a gran familia” que constitúen os centros galegos na Arxentina

Pon en valor o importante traballo que desenvolven as comunidades galegas na promoción e difusión da nosa cultura, así como a súa contribución ao mantemento dos vínculos con Galicia

Destaca o papel clave que teñen as mulleres na emigración para conservar a identidade galega no exterior e para dar visibilidade ao papel feminino na diáspora


Bos Aires (Arxentina), 1 de maio do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe o valor que teñen os centros da colectividade galega, porque “son punto de encontro de todos os que viven na diáspora, representan a unión con Galicia, fortalecen os lazos coa nosa comunidade e velan sempre polo benestar de todos os galegos no exterior”. Fíxoo durante o cuarto dia da súa viaxe institucional, no que visitou o Centro Galego de Avellaneda e reuniuse con membros da Asociación Civil Galega Fillos do Concello do Porto do Son e da Asociación Benéfica Cultural Corcubión.

No Centro Galego de Avellaneda, Fabiola García participou nun almorzo-coloquio no que dixo sentirse orgullosa de exercer como madriña dos premios Barca de Sálvora, que a entidade entrega cada ano desde 2019 a mulleres destacadas da colectividade galega na Arxentina. Neste sentido, destacou a importancia destes galardóns como “recoñecemento ás mulleres da emigración, que foron claves tanto para manter a identidade galega no exterior como para dar visibilidade ao papel feminino na diáspora”.

Colectividade do Porto do Son

Na reunión coa colectividade do Porto do Son, a conselleira puxo en valor os avances acadados nos últimos anos por este municipio, ata converterse “nun referente turístico polas súas paisaxes e patrimonio natural, así como nun claro exemplo da Galicia Calidade que sempre defendemos e da Galicia aberta que ofrece novas oportunidades de futuro”.

Durante este encontro, contactouse vía streaming coa celebración da Xuntanza de Confraternidade das persoas maiores do concello. Fabiola García desculpouse en directo por non poder asistir a esta edición da tradicional comida por coincidir coa viaxe institucional, pero á que si asistiu, en representación da Xunta, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba. O alcalde da localidade sonense, José Luis Oujo, aproveitou esta conexión en directo para enviar un saúdo á colectividade galega.

Encontro na Asociación Cultural Benéfica de Corcubión

Fabiola García tamén mantivo un encontro cos integrantes da Asociación Cultural Benéfica de Corcubión, coincidindo co tradicional cocido que todos os primeiro de maio organiza esta entidade. Alí destacou o feito de que, a pesar do tempo transcorrido e da distancia, grazas aos esforzos desta agrupación “mantéñense vivas as raíces, creando comunidade e restablecendo os vínculos cos que están lonxe”.

Esta entidade benéfica fundouse hai máis dun século, no ano 1922, para recibir aos emigrantes que chegaban a Arxentina e promover a cultura e os valores de Galicia. Na actualidade conta con preto de 700 socios, a maioría deles galegos, e entre as actividades que realizan están as escolas de baile, de danza, de canto percusión e de gaita. Tamén ten un equipo de fútbol sala.

A conselleira manifestou que as comunidades galegas no exterior “son fundamentais para manter viva a nosa cultura, os nosos valores e o esforzo de moitas xeracións”. Ao respecto, asegurou que sen o seu traballo “Galicia non podería ser nunca o que é”, engadindo que “sempre terá as súas portas abertas porque nunca deixou de ser o voso fogar”.

Entrevista

Fabiola García iniciou a xornada facendo cunha entrevista no medio dixital Infobae América, cuxo informativo en streaming conta con 1,7 millóns de subscritores. A conselleira repasou as políticas da Xunta en materia de atención ás familias e ás persoas maiores, que fan da nosa comunidade “o mellor lugar para nacer, para crecer, para formar unha familia e para facerse maior”.

Neste sentido, Fabiola García destacou que Galicia é un referente a nivel europeo e mundial no apoio á infancia e á conciliación das familias, con medidas como a gratuidade das escolas infantís. Tamén puxo en valor os recursos e apoios que teñen á súa disposición as persoas maiores: desde programas para o fomento dun envellecemento activo e saudable –como o Carné +65 e as iniciativas Xuntos polo Nadal ou Benestar en Balnearios–, ata servizos e prestación para coidalos cando o necesitan, como un sistema residencial e de centros de día consolidado e de calidade ou o Bono Coidado no Fogar.