Nova

A Xunta abre o vindeiro 7 de maio o período de solicitude de praza no programa Vacacións Familiares nas residencias de tempo libre

A convocatoria publicarase o mércores, día 6, no Diario Oficial de Galicia e prazo para formular as solicitudes permanecerá aberto ata o 20 de maio

Haberá dez quendas de entre 6 e 7 noites tanto na residencia do Carballiño como na de Nigrán

Un ano máis, o Goberno galego volve conxelar as tarifas para facer este programa máis asequible as familais, con descontos do 30% para as numerosas, monoparentais ou acolledoras


Santiago de Compostela, 1 de maio do 2026

A Xunta anuncia que o vindeiro día 7 de maio as persoas interesadas poderán facer a súa solicitude para o programa Vacacións en Familia, que se desenvolve durante os meses de xullo e outubro nas Residencias de Tempo Libre autonómicas do Carballiño e de Nigrán.

O vindeiro mércores, día 6, publicarase a convocatoria do programa no Diario Oficial de Galicia (DOG), onde se detallarán as bases e o número de prazas previsto para este ano. O prazo para solicitar unha estadía estará aberto desde o día seguinte á publicación no DOG, é dicir, desde o xoves 7 ata o día 20 de maio, ambos incluídos. Ao igual que en anos anteriores as asignacións de praza faranse por orde de solicitude, dando preferencia aos colectivos prioritarios: familias numerosas, monoparentais ou acolledoras, entre outros.

Nesta edición, mantéñense as dez quendas de entre seis e sete noites en cada unha das residencias durante os meses de xullo e agosto. O obxectivo é que máis de 2.400 persoas desfruten ao longo do verán deste programa que, un ano máis, mantén as tarifas de prezos conxeladas para facelo asequible a todas as persoas. Ademais, haberá descontos do 30% para as numerosas, as monoparentais ou as acolledoras, así como un 50% no caso dos menores de entre 2 e 12 anos.