Nova

A Xunta estenderá o Carné +65 aos galegos do exterior para que poidan desfrutar das súas vantaxes nas viaxes que realicen a Galicia

Fabiola García mantivo un encontro coa colectividade galega que reside en Uruguai, onde presentou as medidas da Xunta destinadas a garantir o benestar das persoas maiores e das familias

Visitou a exposición ‘Galicia Bella’, instalada na sede da Intendencia de Montevideo e composta por 46 fotografías de diferentes paisaxes e lugares da comunidade galega

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou nesta xuntanza a través dun vídeo no que mandou un agarimoso saúdo a toda a comunidade galega no Uruguai e lembroulles que Galicia é a súa casa


Montevideo (Uruguai), 29 de abril de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou hoxe, durante a segunda xornada da súa viaxe institucional a América Latina, que a Xunta estenderá o Carné +65 aos galegos do exterior para que poidan desfrutar das súas vantaxes cando viaxen a Galicia. Así o avanzou nun encontro coa colectividade galega que reside en Montevideo, onde estivo acompañada da delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez.

Esta xuntanza contou ademais coa participación, a través dun vídeo, do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que enviou un agarimoso saúdo a toda a comunidade galega no país, ao tempo que lles agradeceu “ser os mellores embaixadores de Galicia no Uruguai”. Así pois, lembroulles que terán abertas as portas “da súa terra e da súa casa” para volver e contarán sempre co apoio do Goberno galego.

Durante o encontro coa colectividade, a conselleira tamén puxo en valor a aposta do Goberno galego por darlle facilidades ás persoas maiores para que poidan elixir onde pasar esta etapa das súas vidas. Neste sentido, destacou iniciativas pioneiras como o Bono Coidado no Fogar, que actualmente perciben 38.000 galegos e galegas, co obxectivo de chegar ás 50.000 ao remate desta lexislatura. Ademais, lembrou as iniciativas deseñadas especificamente para o rural, como a rede de Casas do Maior, que conta xa con 160 recursos de atención diúrna activos.

Fabiola García fixo fincapé na aposta da Xunta polo envellecemento activo, con programas como Benestar en Balnearios, as iniciativas deseñadas en colaboración coas universidades, as Aulas Sénior, o programa Xuntos polo Nadal. En canto ao Carné+65, explicou que na actualidade máis de 900 establecementos de toda Galicia están adheridos a este programa pioneiro do Executivo autonómico, que ten entre os seus obxectivos favorecer o envellecemento activo e saudable. Nestes locais, os maiores poden contar con vantaxes importantes como descontos, ofertas ou promocións en diferentes produtos e servizos relacionados coa saúde e o benestar, así como o ocio e a restauración.

Nesta xuntanza, a conselleira tamén detallou as medidas impulsadas pola Xunta para as familias. Entre elas, fixo referencia á gratuidade total das escolas infantís 0-3, unha medida á que a Xunta destina 68M€ de fondos propios ao ano, a rede de casas niño no rural ou Bono Concilia Familia, que o ano pasado recibiron 15.000 familias.

Posteriormente, a conselleira tamén puido visitar a exposición Galicia Bella, instalada na sede da Intendencia de Montevideo. Esta mostra, composta por 46 fotografías, mostra a Galicia en diferentes dimensións, destacando a súa riqueza cultural, natureza, festividades, roteiros do camiño de Santiago e arquitectura. Nesta visita tamén participaron o embaixador de España en Uruguai, Javier Salido, e o cónsul xeral de España en Montevideo, Juan Carlos Gafo.