Nova
A Xunta abre a consulta pública previa da primeira Lei do Terceiro Sector de Acción Social de Galicia
Este é o paso previo á elaboración do anteproxecto desta norma específica que regulará o tecido social e creará un censo público e un plan de impulso e promoción
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026
A Xunta abre hoxe a consulta pública previa a Lei do Terceiro Sector de Acción Social de Galicia, este é o paso previo para a elaboración do anteproxecto desta norma, que será a primeira específica neste ámbito da comunidade. Todas as persoas, entidades e organizacións sociais poden achegar as súas propostas ata o vindeiro día 13 de maio, a través do formulario habilitado no Portal de Transparencia do Goberno galego.
A intención da Xunta é que a tramitación desta norma sexa o máis aberta e participativa posible, para o que se recollerán as achegas da sociedade e das entidades do sector para elaborar un texto específico que sente o marco normativo de todo o tecido social e dea resposta as súas necesidades e demandas. O obxectivo é unificar toda a regulación nun único texto que recoñeza o papel e o traballo das entidades en Galicia. En concreto, son máis de 1.500 as organizacións destas características que hai na comunidade e que constitúen unha importante rede de apoio ás persoas e fogares máis vulnerables.
Ademais, a futura norma recolle tamén a creación dun censo público de organizacións, compatible con outros existentes, e que terá como finalidade reducir a carga burocrática en diferentes procedementos. A maiores, prevese a posta en marcha dun plan de impulso e promoción das entidades, así como reforzar a súa participación a través da creación dunha Mesa do Terceiro Sector da Acción Social de Galicia, como un órgano de carácter participativo no ámbito da Xunta.