Nova
Fabiola García presenta en Arxentina as políticas impulsadas pola Xunta para garantir o benestar dos maiores e o envellecemento activo
A conselleira reuniuse coa experta en silver economy Liliana Paredes e explica que o Goberno galego busca “dar as máximas oportunidades” aos maiores e “garantir que o envellecemento en Galicia sexa sinónimo de calidade de vida”
Destacou o compromiso da entidade Ospaña na promoción do benestar social e sanitario dos galegos residentes en Bos Aires
Visitou o stand da Xunta na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que se celebrará na cidade ata o vindeiro 11 de maio
Bos Aires (Arxentina), 29 de abril de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, iniciou onte a viaxe institucional de cinco días por América Latina cunha primeira parada en Bos Aires, onde comezou unha rolda de contactos con expertos no sector sénior e a silver economy. O obxectivo destes encontros é presentar as medidas impulsadas por Galicia neste eido e reforzar o intercambio de experiencias para impulsar novas accións destinadas a garantir o benestar dos maiores e o envellecemento activo.
Na primeira xornada, na que estivo acompañada do delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López, a conselleira mantivo un encontro de traballo coa xornalista Liliana Parodi, que lidera desde 2020 o congreso anual sobre silver economy, Silver Economy Forum Latam. Trátase dunha iniciativa que reúne a representantes do sector público, empresas, expertos e organizacións sociais co obxectivo de fomentar o diálogo, a colaboración e o desenvolvemento de solucións innovadoras vinculadas á lonxevidade.
Durante a audiencia, Fabiola García presentou as políticas de Galicia en materia de envellecemento activo e saudable e explicou que o obxectivo da Xunta é “posicionar a Galicia como un referente neste ámbito, animando aos nosos maiores a que viaxen, que se formen e que se coiden”. Así, destacou que o Goberno galego busca “dar as máximas oportunidades” aos maiores e para “garantir que o envellecemento en Galicia siga sendo sinónimo de calidade de vida”.
Entre outras iniciativas, a conselleira puxo de exemplo programas como Benestar en Balnearios, as iniciativas deseñadas en colaboración coas universidades, as Aulas Sénior, o programa Xuntos polo Nadal ou o Carné+65.
Visita Ospaña
Posteriormente, a conselleira de Política Social e Igualdade realizou unha visita a Ospaña, entidade social fundada en 2007 para a atención sanitaria da colectividade española residente no país, especialmente emigrantes e os seus descendentes. Durante o acto, Fabiola García destacou o compromiso e a dedicación este tipo de entidades na promoción do benestar social e sanitario dos seus milleiros de afiliados españois, en particular galegos residentes na cidade de Bos Aires e a súa contorna. Subliñou, ademais, a importancia da atención sanitaria integral proporcionada por Ospaña, que beneficia persoas de todas as idades e situacións económicas na comunidade española da Arxentina.
Por último, a primeira xornada da viaxe institucional rematou coa visita á Feira Internacional do Libro de Bos Aires, un evento que se celebra na cidade entre o 23 de abril e o 11 de maio e que celebra este ano o seu 50º aniversario. Concretamente, a conselleira percorreu o stand impulsado pola Xunta de Galicia, no que se desenvolverá unha programación variada que combinará presentacións literarias, conferencias, talleres e actividades culturais, co obxectivo de difundir a cultura galega, a súa literatura e o seu vínculo histórico con América.
Viaxe institucional
Durante esta viaxe, Fabiola García manterá reunións coa colectividade galega e visitará diferentes centros residenciais, onde explicará as particularidades do modelo de coidados de Galicia.
A conselleira trasladará ós galegos emigrados as políticas públicas impulsadas en Galicia para fomentar o envellecemento activo e saudable, con medidas pioneiras como o Carné +65. Así mesmo, tamén exporá algunhas das iniciativas da Xunta orientadas ás familias como a gratuidade da educación infantil ou a Tarxeta Benvida, que permiten situar a comunidade como un referente na conciliación.